A Pladesapu critica que antes había dúas hematólogas a tempo completo a agora só un "e de vez en cando"

RibeiraSacraXa
A Pladesapu critica que antes había dúas hematólogas a tempo completo a agora só un "e de vez en cando" no hospital de Monforte
Pladesapu monforte
10 Xul 2023

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da zona sur de Lugo denuncia a falta dun novo facultativo no hospital debido a que unha das hematólogas do centro está de baixa dende hai unhas semanas, "situación que dende a xerencia solventaron enviando un par de veces á semana a un hematólogo de Lugo", explican.

Así, desde a Pladesapu argumentan que esta solución provoca a sobrecarga dos demais profesionais do servizo e incrementa as listas de espera. "Esto non é unha novidade", explican, "xa que o hospital segue sen servizo de rehabilitación, cunha lista de espera de máis de seis meses; sen dixestóloga, vindo un facultativo de Lugo unha vez por semana para realizar as endoscopias e cun internista pasando a consulta, unha psiquiatra menos e unha lista de espera tamén importante".

Con respecto á hematóloga que quedaba no centro, esta colleu tamén a baixa, "polo cal neste momento o hospital carece de persoal propio no servizo de hematoloxía, e agora só haberá hematólogo, sempre e cando poidan vir, os luns e xoves. Pasouse de ter dúas hematólogas a tempo completo toda a semana, a ter un un par de días".

Outras demandas

A Plataforma tamén afirma que seguen a esperar polos datos estatísticos que demostren as declaracións da xerencia sobre o peche de camas, xustificado cunha suposta disminución da actividade asistencial pola época estival.

Membros da plataforma, traballadores do hospital, afirman o contrario, con plantas de hospitalizacións cheas, pacientes desprazados da súa planta correspondente por ausencia de camas e un índice de ocupación máis ben alto.

Por último, a Plataforma informa que durante o verán cesan o servizo de axuda para poñer reclamacións que tiñan habilitado todos os mércores na casa de cultura. Será un parón pola época estival e en setembro reinician a actividade presencial.

0.17457699775696