A piscina municipal de Monforte oferta actividades para o segundo trimestre do ano
A piscina municipal de Monforte retoma as actividades e oferta cursos de natación para o segundo trimestre do ano. Trátase dunha oferta adaptada á actual situación da pandemia sanitaria e que, segundo salientan desde o Concello, contará "cun protocolo específico para que a actividade sexa totalmente segura".
As actividades diríxense tanto a nenos como a adultos, nos niveis de iniciación e perfeccionamento. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro mércores, día 17, e o inicio dos cursos está previsto para o luns 5 de abril.
As persoas interesadas en inscribirse nalgún dos cursos ou en recibir máis información poden facelo directamente nas instalacións da piscina climatizada municipal ou chamando ao 982402646.
Todos os matriculados deberán asinar unha declaración responsable en relación co cumprimento dos protocolos e medidas anticovid.
RECIBOS DE FEBREIRO
O Concello de Monforte confirmou tamén este sábado que, dado que a piscina permaneceu pechada para a práctica deportiva non federada entre o 27 de xaneiro e o 25 de febreiro deste ano, non liquidará os recibos correspondentes á prestación do servizo durante o mes de febreiro, "beneficiando así ás familias e persoas usuarias deste servizo municipal".