A Piscina Municipal de Chantada mellora a súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida

As instalación da Piscina Municipal de Chantada, que teñen unha media de 200 usuarios ao día, veñen de mellorar a súa accesibilidade. Por unha banda modificouse a entrada con portas de acceso de medidas adaptadas para persoas con limitacións de mobilidade e creouse un novo vestiario moi amplo con baño e ducha para que estas persoas poidan estar acompañadas se necesitan axuda.
As obras teñen un orzamento de 31.000 euros financiados na súa totalidade pola administración local e permitirán que dúas persoas con mobilidade reducida poidan utilizar as instalacións simultáneamente.
Con estas actuacións habilitouse tamén diante da piscina un estacionamento adaptado e durante o verán, cando os vasos se baleiren, instalarase un elevador. “Trátase dunha grúa que facilitará o acceso das persoas con falta de mobilidade, tanto para entrar como para saír da auga. Hai persoas en Chantada que necesitan deste tipo de servizo e queremos que saiban que o Concello materializa así a mellora da accesibilidade para que estas persoas tamén poidan disfrutar destas instalacións”, explica o rexedor local, Manuel Lorenzo Varela.
A Piscina Municipal de Chantada conta tamén con bar e terraza. O Concello de Chantada vén de adxudicar o servizo e neste mes de maio comezou a funcionar.
A Piscina Municipal de Chantada poñíase en funcionamento en decembro do 2002. As instalacións contan cun vaso estándar de 25x12.5 m con 6 carriles, gradas con capacidade para 150 espectadores, ximnasio multiusos e ximnasio de musculación, dous vestiarios con saunas e sala de enfermaría, entre outras dotacións.