A pintora Maruja Mallo conta xa cunha rúa en Sober

O Concello de Sober aprobou por unanimidade no Pleno do mes de febreiro dedicarlle a rúa do colexio, ata o de agora sen nome, á pintora Maruja Mallo polas súas raíces no municipio, en concreto co lugar de Naz, parroquia de San Martiño de Anllo.
O pasado día 6 de febreiro cumpríronse 30 anos do seu falecemento e, para conmemorar esta data e no marco do Mes do Amandi, este xoves celebrouse unha charla no salón de actos do colexio coa intervención do profesor Emilio Xosé Insua, que falou da vida e obra da pintora, é do xornalista Ángel Arnaiz, quen departiu sobre as orixes familiares da artista.
Ao remate alumnos, profesores e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, participaron no descubrimento dunha placa co nome de Rúa Maruja Mallo para honrar a memoria desta artista de recoñecemento internacional.
Orixes da artista
Polo que se sabe, explican dende o Concello, o seu avó materno, José González, máis coñecido como Pepito, ferreiro de profesión, naceu e medrou na aldea de Naz, ata que emigrou a Vigo.
Alí casou con Emilia Lorenzo e chegou a ser alcalde do desaparecido concello de Lavadores, que na actualidade está integrado no municipio vigués. Do matrimonio nacería María González Lorenzo, nai da pintora. Esta casou en Vigo co madrileño Justo José Gómez Mallo, unión da que naceu na cidade de Viveiro Ana María Manuela Isabel Gómez y González, nome completo de Maruja Mallo.