A pastoriense Noelia Rodríguez ponse á fronte da asociación Agromuralla

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Dentro dos actos polo seu décimo aniversario, celebrou esta fin de semana unha asemblea de socios, uns 400, onde se reafirmou o compromiso con todo o sector primario galego
nova-directiva-Agromuralla
24 Nov 2025

A asociación Agromuralla renova a súa xunta directiva, con Noelia Rodríguez como nova presidenta e dando entrada no seo do colectivo a novos sectores como o do vacún de carne ou o do viño.

Dentro dos actos polo seu décimo aniversario, Agromuralla celebrou esta fin de semana unha Asemblea Xeral de socios, uns 400 neste momento, onde se reafirmou o compromiso con todo o sector primario galego.

Por iso, tras unha década de actividade, a asociación xurdida das tractoradas polos baixos prezos do leite, acordou dar cabida tamén a outros sectores da produción de alimentos. "O medio rural ten problemas comúns que temos que enfrontar dende unha óptica máis transversal", defendeu a nova presidenta, Noelia Rodríguez.

As dificultades para acadar prezos xustos en orixe para os produtores, os problemas de relevo xeracional e a escasa valoración social da importante labor que realizan os agricultores e gandeiros tanto desde o punto de vista do subministro de alimentos á poboación como de coidado do territorio son algúns dos retos que comparten os distintos sectores.

Renovación de cargos

Tal como establecen os estatutos de Agromuralla, a Asemblea Xeral acordou tamén a renovación de cargos da Xunta Directiva, que foron aprobados por unanimidade. Tras catro anos como presidente, José Luis Pérez Barreiro cede o testigo a Noelia Rodríguez, titular dunha explotación de vacún de carne da Pastoriza e asesora xurídica da asociación dende a súa creación fai 10 anos.

Estará acompañada na directiva da asociación por Alberto Fouce, da gandería Herdeira SC de Guntín como vicepresidente; Antonio Alvite, da SAT Alvite da Pastoriza como secretario; Pablo González, viticultor de Quiroga como tesoureiro; e de José María Castro, de Castro Buxía SL de Trazo; Miguel Pérez, de Casanova Holstein de Baleira; e Javier Regueiro, da Gandería Cordeiro de Cospeito como vocais.

A unión e solidariedade entre produtores e a representación dos seus intereses diante da Administración seguirán a ser dous dos eixos principais de actuación de Agromuralla, que este ano, tralos devastadores incendios forestais sufridos no verán na provincia de Ourense, centrou os seus esforzos en subministar aos gandeiros das zonas afectadas comida para os seus animais, ao igual que fixera no ano 2017 a explotacións dos Ancares.

Até o momento foron xa entregados 34 camións de rolos de silo e herba seca a gandeiros de Monterrei, A Mezquita, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Quiroga, unha labor que continuará durante todo o inverno, a medida que vaia sendo necesaria a forraxe, dadas as dificultades de almacenamento que teñen moitos dos gandeiros da zona, que perderon en moitos casos os establos e palleiras por mor do lume.

A forraxe que está a ser enviada é donada por socios de Agromuralla e outros gandeiros de distintas zonas de Galicia e transportada a Ourense coa colaboración de camioneiros e empresas do sector do transporte.

⚙ Configurar cookies
0.068404912948608