A parroquia de Ferreiros na Pobra do Brollón será escenario de brindo, regueifa e 'freestyle'

RibeiraSacraXa
Celébrase a II edición do festival Brindadeira como parte da programación de verán do Concello da Pobra do Brollón
Brindadeira-A-Pobra-do-Brollón
20 Xul 2024

A parroquia de Ferreiros na Pobra do Brollón será escenario de brindo, regueifa e freestyle esta fin de semana, tras o éxito da primeira edición do festival Brindadeira o pasado ano.

Brindadeira xurdiu como parte dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar a tradición do ‘brindo’, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón.

O II festival Brindadeira, organizado novamente polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa asociación veciñal de Ferreiros, terá lugar este sábado 20 e domingo 21 de xullo.

A programación arranca ás 19:00 horas no local social de Ferreiros coa charla 'Brindando na Guimaralia', na que se dará conta dos resultados dos obradoiros de brindo que se realizaron na Pobra ao longo de 2023.

A partir das 20.30 horas continúa a programación no campo da festa de Ferreiros, primeiro con brindo e regueifa a cargo do colectivo Erre que Erre, e despois, a partir das 22.00 horas con freestyle liderado por Big Meu e colegas. A festa rematará cunha sesión de Sincereza Dj.

A segunda xornada de Brindadeira, o domingo 21, comeza cun paseo dende o campo da festa de Ferreiros ata Forgas. Alí, na aldea dos afamados brindeiros Veloso, uns dos últimos improvisadores da zona, continuará o festival co remate dun mural colaborativo nunha parede da vivenda familiar.

Haberá, deseguido, unha homenaxe musical aos brindeiros de Forgas e vermú. Dende a organización animan aos asistentes a levar o seu xantar para comer de romaría.

0.1769700050354