A parroquia de A Parte celebrou este domingo a tradicional romaría de San Mateo

Monforte de Lemos celebrou este domingo a tradicional romaría de San Mateo, na parroquia de A Parte, cunha ampla participación veciñal. O alcalde, José Tomé Roca, asistiu acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada. Ambos percorreron o recinto, compartiron conversacións cos veciños e desfrutaron dun paseo pola zona de maior afluencia da mocidade.
O Concello colaborou na organización da cita mediante un dispositivo de seguridade coordinado pola Policía Local e no que tamén participaron Policía Nacional, Garda Civil, Protección Civil e persoal municipal. Ademais, achegouse unha ambulancia para garantir asistencia inmediata ante posibles incidencias.
A contribución municipal incluíu tamén unha achega económica, igual á que reciben o resto de parroquias, así como a dotación de proxectores de luz, un xerador eléctrico e contedores para facilitar a recollida de residuos.
O alcalde destacou que “o obxectivo é que a romaría e festa se celebren coa maior tranquilidade e seguridade posibles, e para iso dende o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”.
A romaría de San Mateo pechou o programa do Verán Cultural promovido polo Concello de Monforte.