A parcela situada na rúa Benito Vicetto de Monforte será pechada

RibeiraSacraXa
O peche levarase a cabo con bloque e malla metálica, nunha lonxitude duns 142 metros lineais
parcela-Benito-Vicetto-Monforte
parcela-Benito-Vicetto-Monforte
3 Xul 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que a Xunta de Goberno Local procedeu a conceder licencia para as obras de peche da parcela situada na rúa Benito Vicetto, número 63, que da con rúa Malvarón, logo de que previamente o Concello requirira aos propietarios da mesma dito peche.

En concreto, a Xunta de Goberno Local celebrada o día 28 de agosto de 2023 ditou unha orde de execución sobre dita parcela, orde que se ampara na Ordenanza reguladora de fachadas, elementos construtivos e solares de Monforte que no seu artigo 5 establece, en relación coas “Normas para o mantemento de terreos e solares” que os propietarios dos terreos que linden coa vía pública deberán pechalos con cerramentos axeitados, situados na alineación oficial e seguindo as prescricións establecidas na normativa urbanística.

En todo caso, deberán ser construídos con materiais que garantan a súa estabilidade e conservación. O acabado dos cerramentos deberá ser opaco ata 1,50 metros de alto como mínimo. Os peches dos terreos situados no casco histórico deberán coidar especialmente os aspectos de integración no entorno, dacordo coa normativa urbanística en vigor.

Do mesmo xeito, o apartado b) do artigo engade que o interior dos devanditos terreos deberán manterse libres de residuos e maleza e en condicións de hixiene, ornato e seguridade en xeral. Polo tanto, dende o Concello estímase, que para dar cumprimento ó establecido na citada ordenanza deberán executarse o peche do solar nº 63 da rúa Benito Vicetto, que tamén ten fronte cara a rúa Malvarón.

O peche levarase a cabo con bloque e malla metálica, nunha lonxitude duns 142 metros lineais, axustándose ás seguintes condicións: A liña de peche axustarase ás aliñacións establecidas na planimetría das Normas Subsidiarias Municipais vixentes e construirase, en todo caso, en terreo do solicitante. Dita liña será fixada polos servizos técnicos municipais no lugar da obra, antes do comezo da mesma.

O peche deberá estar formado por peches axeitados, construído con materiais e espesores que garantan a súa estabilidade e conservación. O acabado dos peches deberá ser opaco cunha altura de 1,50 metros, podendo chegar ata 2,20 metros coa colocación dunha valla metálica ou outros elementos construtivos non opacos.

Para a elección da cor nos materiais, revestimentos e acabados de peches ou fachadas, preferentemente as actuacións que se leven a cabo tomarán como referencia os criterios achegados pola Guía de cor e materiais de Galicia, e polo tanto, teranse en conta as recomendacións de dita guía da Xunta de Galicia. O interior dos devanditos terreos deberán manterse libre de residuos e maleza e en condicións de hixiene, ornato e seguridade en xeral.

Unha vez solicitada a licencia por parte da empresa construtora que levará a cabo esta obra de peche, a Xunta de Goberno Local aprobou outorgarlla.

0.17712497711182