Comezan as festas de verán de Quiroga con actuacións musicais, de teatro e maxia
O Concello de Quiroga celebra as súas festas de verán do 8 ao 12 de agosto con diversas actividades planificadas para estas datas.
Así, todo comezará o 8 de agosto coa actuación da orquestra Panorama ás 23.00 horas no aparcadoiro CEIP de Quiroga e o día seguinte, o 9, haberá animación infantil a partir das 21.00 horas na praza Rúa Lago, ademais da actuación do grupo folk Treixadura ás 22.30 horas na rúa Real e ás 00.30 horas a orquestra do Combo Dominicano.
Xa o día 10 terá lugar a celebración da XXIII Mostra do Mel, sendo a apertura do recinto ás 11.00 horas e, seguidamente, a alborada a cargo do grupo de gaitas O Recanto. Logo, virá a quenda da sesión vermú con Somoza Trío ás 13.00 horas e pola tarde o Mago Antón protagonizará un espectáculo de maxia da praza de España. Para rematar o día, Michael Legend actuará na rúa Real ás 22.30 horas e Mario Coloman & The Clocks Band fará o seu ás 00.30 horas.
Pola súa parte, o 11 de agosto, a partir das 12.30 horas, o Centro Dramático Galego interpretará ‘De Vilatriste a Vilalegre’ na praza Rúa Lago, ás 22.30 horas terá lugar a sesión de fogos de artificio na praza de España e ás 00.30 horas será o concerto de Gin Toni’s. Finalmente, o día 12 ás 22.30 horas actuará o Grupo Asia, como broche final das festas.