A organización da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga estuda a posibilidade de ampliar os días de apertura dos postos

A organización da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga reuniuse este venres para ultimar os detalles do evento, centrando a atención en aspectos como a disposición dos postos e o acceso máis cómodo para os olivicultores.
Entre as decisións abordadas, estudouse a posibilidade de que os postos de venda se abrisen xa o sábado pola tarde, ademais da xornada habitual do domingo. Tras valorar a situación, os produtores acordaron abrir esa tarde, aínda que o horario definitivo queda por determinar.
A mostra celebrarase os días 14 e 15 de marzo e poñerá en valor o Aceite de Oliva Virxe Extra (AOVE) de Quiroga, recoñecido polas súas características organolépticas únicas, dentro dunha iniciativa declarada de Interese Turístico de Galicia.
O sábado arrincará co III Congreso arredor do Aceite de Oliva de Quiroga, cun ciclo de relatorios que abordarán desde a explotación de oliveiras en Galicia ata aplicacións biotecnolóxicas e propiedades antidiabéticas do aceite galego. A xornada incluirá tamén unha cea cóctel titulada “Os sabores que medran aquí”, con pratos elaborados por chefs locais e acompañada de música en directo.
O domingo, os postos situados na praza do Auditorio Municipal abrirán ás 11:00 horas, coa venda do AOVE producido polos colleiteiros locais. Durante a mañá funcionará tamén o Muíño de Aceite de Bendilló, con demostracións do proceso tradicional de moenda. Para facilitar o acceso, habilitaranse autobuses gratuítos dende a praza do Auditorio ata o muíño.
Ademais, realizaranse degustacións comentadas na sala de catas do Museo Etnográfico, e está prevista a nomeación do Embaixador do Aceite de Quiroga, que nesta edición será o chef Javier Olleros, do Restaurante Culler de Pau (O Grove).
A programación inclúe tamén música tradicional co grupo “Asociación Cultural Peleriños” e a primeira Exposición de Camelias en Quiroga, organizada por José Ramón Teixeira.