A oposición fala: O PSOE do Saviñao
Celestino Rodríguez vinculouse á política á vez que ao propio Partido Socialista, cando con 18 anos se afiliou ao partido co fin de “defender os ideais que eu tiña: defender a igualdade e loitar contra o caciquismo, así como para mellorar a vida dos habitantes do Saviñao, que é onde nacín e onde vivo”, defende.
Así, formou parte da lista aos comicios de 2011 e xa en 2015 encabezou a lista, como tamén no 2019 e no 2023. Tralos resultados acadados nas últimas eleccións municipais, nas que perderon dous concelleiros, e dimitiu de portavoz e sostén que na lista de 2027 non será el quen a lidere. “Cumprín un ciclo e se hai malos resultados, hai que asumilos. Agora está Judith López, que xa estivo de concelleira na lexislatura de 2019 a 2023 e é unha persoa capacitada e con moitísimo interese nos habitantes do Saviñao”, argumenta.
O PAPEL DA OPOSICIÓN
Pola súa parte, con respecto ao labor da oposición, Rodríguez di que “é moi traballoso”. O máis importante é “ser a voz dos veciños, falar con eles e levar a pleno as necesidades dos veciños, así como o que vemos que falta no Concello, tomando partido en temas importantes que están de actualidade. Fundamentalmente é un nexo entre os veciños e o Goberno local para mellorar as súas vidas”, explica. Ademais, engade que se fai un labor de fiscalización e cumprimento dos orzamentos, da legalidade e da conveniencia dos proxectos que se levan aos plenos.
Por outra banda, di que o PSOE axuda a mellorar a vida dos veciños de diferentes formas, como durante a pandemia da covid, na que se fixo unha comisión para mellorar a seguridade, tamén dixeron desde o partido político que non estaban de acordo co lugar onde se construíu o centro novo de saúde, tamén din que están a pelexar polas traídas da auga nas parroquias, polos novos contratos do lixo, o alumeado público... “Ten que haber no concello un certo grao de colaboración e tamén de dureza”, explica Celestino.
A POLÍTICA, NO PERSOAL
Con respecto aos sacrificios persoais que supón a política, Celestino Rodríguez explica que se sacrifica tempo e diñeiro persoal, pero sobre todo pérdese tempo de estar coa familia e de lecer. “É unha situación pouco agradecida, pero vai nas persoas que tiñamos unha vocación de servizo público, tratei de axudar a xente e tomar iniciativas, e o que perdes por un lado, gáñalo polo outro, que é ese servizo publico que deben ter todos os políticos sobre todo no ámbito local”, conclúe.
Así, como secretario xeral, e falando polos concelleiros Judith, Begoña e Javier, di que a intención é que no ano 2027 o PSOE estea nunha situación forte, “como estaba en 2015 e 2019, e poder loitar de ti a ti e volver recuperar a confianza dos veciños. Eu asumo a miña responsabilidade e por iso dimitín, pero esperamos recuperar a forza socialista que tiñamos no municipio. Imos saír cunha lista renovada para fortalecer o partido e loitar de ti a ti”, sostén.
AS NECESIDADES DO SAVIÑAO
Finalmente, con respecto ás necesidades do Concello do Saviñao, o secretario xeral socialista local di que “aínda hai moitísimas deficiencias, xa que non hai parcelas no parque empresarial para que se poidan asentar as empresas; as infraestruturas rurais están en moi mal estado; non temos rede de sumidoiros máis alá da capital en Escairón...”.
Así, di que “hai ámbitos que hai que traballar para mellorar o Concello porque estamos esmorecendo, temos unha poboación envellecida, non temos residencia publica, nin un centro de dia público, tendo en conta a poboación envellecida que temos, con máis mortes que nacementos... Hai que fixar poboación, pero desde as administracións non se poñen as condicións para que se poida establecer a poboación”, denuncia.
Así, el cre que, para mellorar estes problemas, o primeiro é poñerse en contacto con todas as administracións para pedir e esixir que cumpran os compromisos e que haxa unha residencia e un centro de dia, que se arranxen os accesos, e buscar financiamento para facer un PXOM. Mellorou o Concello, pero falta moito por facer”, conclúe Celestino Rodríguez.