A Oficina Municipal de Turismo de Chantada superou os 5.300 visitantes en 2025

RibeiraSacraXa
Agosto mantívose como o mes con maior afluencia, con 1.273 visitantes
oficina-de-turismo-chantada
30 Jan 2026

A Oficina Municipal de Turismo (OMT) do Concello de Chantada rexistrou un total de 5.365 visitantes durante o pasado ano 2025, superando as cifras doutros anos, especialmente nos meses de xaneiro, abril, xuño, setembro e novembro.

Segundo os datos publicados polo Concello, destaca o incremento en xuño, que dobrou o número de visitas ata acadar as 728. Con todo, agosto mantívose como o mes con maior afluencia, con 1.273 visitantes, seguido de setembro (866) e xullo (862).

O turismo nacional continuou a ser maioritario, representando o 91,26% do total, con Galicia como a comunidade que máis visitantes achegou (23,67%), seguida de Madrid (17,37%), Cataluña (8,72%), Andalucía (8,13%) e País Vasco (8,05%). En canto ao turismo internacional, Reino Unido encabezou a lista con un 1,30% dos visitantes, seguido de Francia, Portugal, Alemaña, Países Baixos e Estados Unidos.

As consultas máis frecuentes na OMT centraronse na vila e no municipio (43,52%), na Ribeira Sacra (29,49%), no románico (8,74%), no Camiño de Inverno (6,94%), nas rutas fluviais, no enoturismo e no sendeirismo.

Desde a Oficina Municipal de Turismo destacan o interese crecente nas iniciativas relacionadas co recoñecemento de Chantada como Municipio Starlight, unha certificación que valora a calidade do ceo nocturno e o compromiso coa conservación do patrimonio histórico, cultural e natural.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, resalta que “Galicia será un dos territorios onde mellor se poderá ver este eclipse total de sol, un fenómeno astronómico que en máis de 100 anos non se puido ver en España”, e lembra que “desde Chantada temos esa posición privilexiada para mirar ao ceo que nos recoñece como Municipio Starlight”. Por iso, afirma, “este agosto esperamos que moita xente se achegue a Chantada para vivir o eclipse. O bo é que se pode vir a gozar dos ceos de Chantada, das paisaxes, do románico ou da gastronomía e dos nosos viños en calquera momento”.

Ademais, desde o Concello recordan que o turismo en Chantada conta con recoñecementos como a “Q Calidade Turística”, a “S Sostibilidade Turística” concedida polo ICTES e desde 2020 o “Compromiso de Calidade Turística”. O municipio foi declarado Municipio Turístico no ano 2000.

⚙ Configurar cookies
0.07720685005188