A Oficina móbil Acelera PEME da Deputación estará este luns en Monforte

RibeiraSacraXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha da oficina móbil do programa Acelera PEMES, unha medida que reforzará o asesoramento gratuíto en materia de transformación dixital que vén ofrecendo a institución provincial dende hai seis meses a empresas e autónomos da provincia a través deste proxecto, que impulsa en colaboración co Goberno do Estado.
José Tomé supervisando a oficina móbil do Acelera Peme 13 09 2023
17 sep 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a posta en marcha da oficina móbil do programa Acelera PEMES, unha medida que reforzará o asesoramento gratuíto en materia de transformación dixital que vén ofrecendo a institución provincial dende hai seis meses a empresas e autónomos da provincia a través deste proxecto, que impulsa en colaboración co Goberno do Estado.

Así, o vindeiro luns 18 de setembro, a oficina móbil estará ubicada na praza da Compañía de Monforte, e ofrecerá asesoramento especializado a partir das 12.30 horas a autónomos ou propietarios de pequenas e medianas empresas que precisen impulsar a dixitalización dos seus negocios e proxectos empresariais.

Nesta aula móbil, os interesados nestes servizos, que son de carácter totalmente gratuíto, poderán achegarse para poder contar co asesoramento de dinamizadores dixitais, podendo programar as citas presenciais ou telemáticas que precisen para unha consulta individualizada.

O vehículo utilizado nesta campaña impulsada pola Deputación, aliméntase de placas solares para a subministración da enerxía necesaria para o funcionamento dos equipos informáticos e da iluminación. Así mesmo, cóntase cun sistema de reciclado da auga de lavado, o que contribúe á reciclaxe do 100% da auga que usa e á redución ata nun 94% da presenza de hidrocarburos. Unha aposta polo aforro enerxético e o coidado do medio ambiente, na liña de favorecer a sostenibilidade.

Coa oficina móbil, a Deputación reforza a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.

Neses encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.

O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.

acelera peme deputacion calendario
0.1942310333252