A Oficina de Turismo de Quiroga renovou o seu Compromiso de Calidade Turística

A Oficina de Turismo de Quiroga volve adherirse ao “Compromiso de Calidade Turística”, outorgado polo SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos). Esta iniciativa está financiada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no marco do primeiro Plan de Sostibilidade Turística en destino.
A renovación do distintivo, sinalan dende o Concello, supón un paso máis no compromiso coa mellora continua, a atención ao visitante e a posta en valor do destino como un lugar acolledor, sostible e de calidade. “Compromiso de Calidade Turística” acredita e recoñece o esforzo realizado polos servizos turísticos de Quiroga.
O distintivo ten validez bienal, aínda que está sometido a unha avaliación anual de seguimento, e avala que se cumpren os requisitos da metodoloxía SICTED, recoñecendo o compromiso coa calidade e a mellora continua.
Este proxecto, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción dos visitantes.