A Oficina de Turismo de Chantada recibiu os seus selos de calidade turística

RibeiraSacraXa
Desde o 2020 a Oficina de Turismo está acreditada co distintivo "Compromiso de Calidad Turística", dentro do xeodestino Ribeira Sacra
chantada-fitur
27 Jan 2025

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, recollía o pasado xoves pola noite no Palacio de Cibeles en Madrid as certificacións que o Instituto para a Calidade Turística de España (ICTES), concedeu á Oficina de Turismo de Chantada. A entrega de diploma fíxose durante a celebración da gala 'Noche Q', na que o alcalde Manuel Lorenzo Varela recibiu os selos “Q Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”.

A Oficina de Turismo de Chantada localízase na emblemática Casa de Lemos (s. XVI), na Praza do Mercado, no Camiño de Inverno a Santiago ao seu paso pola vila de Chantada. Funciona de modo permanente desde finais do 2002, despois de que no 2000 o Concello de Chantada fora declarado Municipio Turístico. Desde o 2020 a Oficina de Turismo está acreditada co distintivo "Compromiso de Calidad Turística", dentro do xeodestino Ribeira Sacra.

A finais do pasado ano constituíase o Comité de Sostibilidade da Oficina de Turismo de Chantada co obxectivo de garantir o cumprimento do sistema de xestión sostible implementado, atendendo a cuestións ambientais e sociais como aforro enerxético e enerxía non contaminante, infraestruturas resilientes, núcleos máis inclusivos, seguros e sostibles e respecto pola vida e os ecosistemas terrestres.

“No concello de Chantada estamos moi comprometidos co turismo de calidade, facemos unha forte aposta pola sostibilidade e seguimos coa promoción do noso patrimonio, paisaxe, tradicións e cultura. Traballamos tamén en seguir incorporando ou poñendo en valor os nosos recursos, a este respecto estamos cos trámites para obter unha nova certificación, neste caso Destino Starlight”, asegura o alcalde, que aproveitaba a visita a Madrid para participar en Fitur na presentación da candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial.

Por Chantada critica o uso de cartas públicos para obter estes cerficados
O anuncio da recepción destes recoñecementos, o pasado mes de decembro, suscitou as críticas de Por Chantada - Interior Galego Vivo, que critican que se utilicen cartos públicos para este tipo de cuestión, facendo fincapé en que “estas certificacións obtéñense previo pago ás empresas tramitadoras”.

0.17510294914246