A Oficina de Extensión Agraria de Quiroga abre un servizo para tramitar as axudas aos afectados polos incendios

A Oficina de Extensión Agraria de Quiroga pon á disposición da cidadanía un servizo presencial para tramitar as axudas aprobadas pola Xunta de Galicia para persoas, profesionais e entidades afectadas polos incendios deste verán.
Durante un mes, o persoal da oficina asesorará sobre os trámites necesarios para solicitar as axudas e impulsar a recuperación dos danos sufridos. O horario de atención será de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. As solicitudes de particulares poderán presentarse directamente na oficina, mentres que para empresas se orientará sobre a tramitación en liña. Para completar a solicitude é necesario achegar documentación sobre o polígono e a parcela afectada, así como o número aproximado de árbores queimadas.
O paquete de medidas aprobado pola Xunta, excplican dende o Concello inclúe axudas sen límite orzamentario, co obxectivo de garantir que todas as persoas e entidades que cumpran os requisitos poidan beneficiarse. As medidas cobren a recuperación de vivendas, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como empresas. Tamén se contemplan compensacións por danos persoais e exencións fiscais para os afectados.
Ademais, os titulares de Tecores recibirán apoio para cubrir gastos de sementeira e reparación de instalacións danadas, como refuxios, comedoiros ou cercados. Pola súa banda, concellos e mancomunidades de montes contarán con fondos para restaurar infraestruturas de uso público afectadas, como sinais, carteis interpretativos, miradoiros ou pasarelas, especialmente nas zonas da Rede Galega de Espazos Protexidos e Reservas da Biosfera.