A nova piscina municipal de Monforte abrirá ao público o próximo luns

O Concello de Monforte informa da apertura oficial da Piscina Climatizada Municipal, que terá lugar o vindeiro luns 27 de outubro, tal e como adiantou o pasado sábado o alcalde José Tomé Roca durante a inauguración das obras de reforma.
Os usuarios, segundo explicou o rexedor, atoparán “unhas instalacións completamente renovadas” e poderán desfrutar dunha piscina “moderna, única e na vangarda tecnolóxica”. Esta remodelación, na que se investiron 2,3 millóns de euros, “supón o colofón dunha transformación completa no conxunto da Pinguela”.
A intervención incluíu a fusión da piscina co Pavillón Polideportivo, creando unha ampla zona de recepción común, así como a renovación dos vestiarios e a ampliación da cafetería e do ximnasio.
Os usuarios poderán darse de alta nos servizos da piscina desde o mesmo luns, e quen foran socios antes do peche estarán exentos do pago da matrícula. Ademais, realizaranse probas de nivel para os cursos de natación infantil e xuvenil os días 3, 4 e 5 de novembro, mentres que a matrícula nos cursos comezará o 6 de novembro para os abonados e o 10 de novembro para o resto. Os cursos iniciaránse o 17 de novembro.
Ademais da piscina e dos cursos de natación, os centros educativos e asociacións locais poderán solicitar actividades de natación escolar durante o mes de novembro, reforzando a oferta deportiva e educativa do municipio.
En canto ao ximnasio, explican desde o Goberno municipal, está pendente de equipamento á espera de que se resolvan os recursos interpostos por dúas empresas que se presentaron á licitación para a adquisición da maquinaria. Polo tanto, indicou o alcalde, o Concello terá que esperar a que se resolvan eses recursos para poder equipar a instalación e poñela en servizo. Desde o consistorio lembran que, froito das xestións realizadas, mantense o cadro de persoal previo ao peche nas mesmas categorías e condicións.
A remodelación da Piscina Municipal é a primeira intervención de calado nesta infraestrutura, que data de 1994. No momento do peche temporal contaba con máis de 1.800 usuarios e preto de 500 participantes en cursos de natación, dando tamén servizo ao Club de Natación de Monforte.
A reestruturación total dos espazos mellora e optimiza as circulacións dos usuarios, facendo do Complexo Deportivo un espazo moito máis funcional. A recepción dá acceso a calquera dos espazos do centro: cafetería, piscina, vestiarios e gradas (tanto da piscina como do pavillón), ximnasio xeral, ximnasio de clubes e pista polideportiva. A entrada á piscina sitúase agora na esquina onde conflúe co Pavillón Polideportivo, creando unha zona de acceso común que mellora notablemente a funcionalidade da instalación ao permitir un control previo de acceso.
A reordenación permitiu aumentar a superficie do ximnasio de 235 m² a 300 m², a das gradas de 70 m² a 81 m², e a da nova cafetería a 111 m², dando servizo a todo o Complexo Deportivo.
Os vestiarios, completamente renovados, simplifican os percorridos e separan as zonas de “pés secos” e “pés húmidos”, de modo que os usuarios da piscina e do ximnasio ou das salas de actividades coincidan neste punto sen mesturarse, mellorando así as condicións hixiénicas e sanitarias.
En canto ao resto de instalacións, o ximnasio sitúase na zona sur, gañando superficie e funcionalidade. Na planta baixa sitúase a recepción e, por detrás dela, dous vestiarios independentes para grupos, un vestiario de persoal e un despacho administrativo. Completando o conxunto, creouse un núcleo de aseos para o público e unha cafetería que dá servizo á piscina e ao pavillón, con vistas aos vasos e saída directa ás bancadas reformadas.