A Noite Aberta de Chantada incluirá concertos e un desfile

RibeiraSacraXa
O evento, organizado pola Asociación de Empresarios de Chantada e CCA Ribeira Sacra, celebrarase o 13 e o 14 de xuño con moitas novidades
noite-aberta-chantada
Cartel da Noite Aberta de Chantada
7 Jun 2025

A tradicional Noite Aberta de Chantada, organizada pola Asociación de Empresarios de Chantada e o CCA Ribeira Sacra, celebrarase este ano durante dúas xornadas, os días 13 e 14 de xuño, cun programa cheo de actividades e algunhas novidades destacadas.

A principal novidade é que o evento, que habitualmente se limitaba á tarde noite do venres, amplíase nesta edición ao sábado. Ademais, o sábado celebrarase un desfile de moda na Praza de Galicia, para o que a organización está a buscar modelos de todas as tallas, tanto mulleres como homes, que queiran participar.

A programación arrancará o venres 13 de xuño, centrada na rúa do Comercio. Desde as sete da tarde, a Banda de Gaitas da Casa da Música de Chantada percorrerá as principais rúas da vila creando ambiente festivo. Xa pola noite, será a quenda dos concertos, que comezarán ás 21:00 horas co grupo Chiquinquirá, seguido de El Club de las 8:15 ás 21:30 e, para pechar a xornada, Rascals ás 22:15 horas.

O sábado 14, a actividade trasladarase á Praza de Galicia. Os máis pequenos poderán desfrutar dun inchable infantil entre as 18:00 e as 19:00 horas. A continuación, ás 18:30, terá lugar o desfile de moda, e ás 19:00 horas, a música continuará cunha sesión de DJ.

Para completar a festa, tras o desfile sortearanse 20 vales de 20 euros cada un mediante unha ruleta. Cada persoa poderá participar cunha tirada por cada billete de compra realizado durante a Noite Aberta.

A organización anima á veciñanza e visitantes a participar nunha edición que aposta por dinamizar o comercio local e crear un ambiente festivo e participativo nas rúas de Chantada.

⚙ Configurar cookies
0.16981196403503