A necesidade dun modelo turístico sustentable

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
carlos gegundez
13 Out 2023

Por Carlos Gegúndez

Hai xa uns días que despedimos o verán, un verán que pechou con magníficas cifras para o sector turístico na nosa provincia, as infraestruturas hoteleiras e os servizos de restauración puideron beneficiarse, por sorte, dunha afluencia masiva de visitantes, nomeadamente nos meses de xullo e agosto. A chegada de turistas, sobre todo, dos que teñen un elevado poder adquisitivo sempre resulta de grande interese para dinamizar calquera economía e a nosa provincia non debe nin pode pecharse á recepción de persoas doutros lugares que contribúen a darlle un pulo a unha economía necesitada de activos que lle permitan medrar.

É ben coñecido que temos un rico patrimonio que ofrecer e variadas tipoloxías: turismo etnográfico e rural, enolóxico, cultural, de montaña, paisaxístico e mesmo de sol e praia con excelentes areais que se atopan aínda nun estado de conservación extraordinario.

Non debemos esquecer que contamos con recursos turísticos consolidados no sur da provincia como os canóns do río Sil, xaora no centro, a Muralla romana e a Catedral contan co recoñecemento de Patrimonio Mundial da UNESCO e están a recibir cada vez un maior número de visitas. Tamén ao norte, aquí contamos cun recurso turístico xa moi consolidado como é a praia das Catedrais.

A Mariña foi ata non hai tanto tempo o refuxio para os que procuraban tranquilidade, gozar da paisaxe e non sufrir coas altas temperaturas. A pesar de que nalgún momento se incentivou a construción de vivendas destinadas á actividade turística e que alguén puido pensar que esta área podía evolucionar cara a tipoloxía de sol e praia orientada ao turismo de masas, nada máis lonxe da realidade, a costa lucense foi aguantando as tentativas de especulación e se cadra nesa supervivencia tivo moito que ver o estoupido da burbulla inmobiliaria que deixou ao descuberto o feísmo paisaxístico dos esqueletos de ladrillo e formigón que aínda hoxe podemos contemplar nalgunhas zonas. Daquela, as terras do norte resistiron e polo momento aínda podemos contemplar as dunas naturais e a vexetación característica da zona, as cales nos ofrece ademais un magnífico mosaico de cores ao carón dos cantís, que conteñen a forza das bravas augas do Cantábrico.

Agora unha nova ameaza pon a proba a natureza salvaxe e todo o encanto da paisaxe mariñá e o seu hábitat, os seus recursos naturais e paisaxísticos e mesmo a vida das súas xentes, As ondas baten cada vez con máis forza sobre o litoral, o nivel do mar sobe e tamén as temperaturas, mais aínda gozamos dunhas condicións climatolóxicas agradables en comparación con outros lugares. Por esta razón, este verán, o mesmo verán que nos deixou cifras récord de ocupación, foi tamén o verán das restricións, por exemplo as que afectaron ao consumo de auga. De feito, a elevada presión sobre os recursos hídricos puxo en serias dificultades a algúns dos nosos concellos que durante o estío incrementaron de xeito moi considerable a súa poboación, e xaora, aos propios recursos naturais, estes acusaron a presión demográfica e tanto a poboación local como os propios veraneantes sufriron as consecuencias.

Durante a época estival e comezado xa o outono a calor segue a apertar, en todo este tempo moitas persoas cansas de aturar temperaturas extremas procuraron refuxio nas latitudes máis setentrionais e nalgún caso seguramente descubriron moitas das bondades e virtudes da nosa provincia, é moi probable que estas persoas repitan e que mesmo animen a chegada de máis visitantes, unha excelente noticia se non hai multitudes nin hordas que poñan en risco a conservación do hábitat natural, o patrimonio e os bens culturais.

Esta afección polo norte ten moito que ver coa crise climática que estamos a padecer e semella que non mudará a curto nin a medio prazo dado que precisa de solucións globais. Temos que preocuparnos? Na capital de Galicia xa están a traballar no deseño dunha taxa turística. Temos que limitar ou restrinxir o número de turistas? Hai que apostar pola calidade ou a cantidade?

Podemos formular estas e outras moitas preguntas e seguramente haberá tamén múltiples e moi diferentes respostas dependendo de quen as faga e quen as conteste. Concordamos na necesidade de non renunciar a unha actividade económica emerxente e unha fonte de riqueza para o noso territorio, mais deberiamos transmitirlles ás autoridades competentes e os axentes turísticos que cómpre unha reflexión e posterior planificación do modelo turístico que queremos desenvolver, isto é, o que nos convén, un modelo sobre todo sustentable. Debemos procurar as mellores solucións aos problemas sinalados para que se poida beneficiar o propio sector e tamén a poboación local minimizando danos e posibles efectos negativos derivados dunha actividade que pola súa propia natureza é practicamente imposible de harmonizar en perfecta sintonía co entorno no que se desenvolve. Entre tanto, haberá que ver a evolución dos acontecementos, como diría un afamado xornalista ao rematar unha das súas opinións radiofónicas: Atentos!

0.15624189376831