A Mostra do Aceite de Quiroga regresa este 2025 con importantes cambios

RibeiraSacraXa
Por primeira vez nos 25 anos dende a súa posta en marcha, a Mostra do Aceite trasládase á vila de Quiroga, e será no mes de marzo
Mostra-do-Aceite-de-Quiroga-2023
Mostra do Aceite de Quiroga
22 Jan 2025

A XXV Mostra do Aceite de Quiroga xa ten data. Tras a xuntanza na tarde deste luns entre o Alcalde, José Luís Rivera, olivicultores e técnicos municipais, a data quedou fixada para a última fin de semana do mes de marzo.

A  data de celebración varía con respecto aos últimos anos, cando se celebraba no mes de maio, ainda que o cambio máis importante ten que ver co cambio de localización. Por primeira vez nos 25 anos dende a súa posta en marcha, a Mostra do Aceite trasládase á vila de Quiroga, aínda que se mantén o funcionamento do muíño de aceite de Bendilló, no lugar das Farrapas. Para asistir a esta demostración etnográfica dispoñerase de autobuses dende a vila quiroguesa.

O punto de venda de aceite instalarase na praza do Auditorio Municipal, favorecendo a utilización das instalacións municipais que a rodean, o Museo Etnográfico, o Albergue Municipal e o propio Auditorio.

A partir de agora, informan os organizadores, comézase coas reunións periódicas cos colleiteiros para pechar un programa que se pretende ambicioso. Ademais do punto de venta do Aceite de Oliva Virxe Extra de Quiroga levaranse a cabo actividades que acheguen este sector á poboación, que se darán a coñecer a medida que se peche o programa.

Para dar cabida a toda a programación sobre a mesa da organización, está a ampliación da celebración. Ademais do domingo 30 de marzo durante toda a xornada, trabállase en que  na tarde do sábado (29 de marzo) se leven a cabo funcións dirixidas por especialistas relacionados co mundo do aceite.

⚙ Configurar cookies
0.15717911720276