A Mostra do Aceite de Quiroga arrancará coa celebración do II Congreso do Aceite de Oliva

Quiroga será un ano máis o epicentro da celebración do “II Congreso do Aceite de Oliva” no marco da XXV Mostra do Aceite, que este ano trae importantes novidades para conmemorar o 25 aniversario do evento. A organización, integrada polo alcalde José Luís Rivera, produtores locais e técnicos municipais, busca destacar e recoñecer a calidade do aceite quirogués, un produto que segue a gañar prestixio en Galicia e no ámbito nacional.
O congreso desenvolverase o sábado 29 de marzo no Auditorio Municipal de Quiroga. Trátase da segunda edición deste encontro especializado, xa que o primeiro, celebrado en 2020, tivo que ser adaptado ao formato virtual debido á pandemia da Covid-19. Este ano, con carácter presencial, contará coa participación de expertos recoñecidos no ámbito do aceite de oliva a nivel nacional. A xornada finalizará cunha degustación de pinchos elaborados con aceite de Quiroga, nunha clara aposta pola promoción dos produtos locais.
Outra das grandes novidades desta edición será a dobre localización das actividades. O domingo 30, os postos de venda situaranse na praza do Auditorio Municipal, aproveitando tamén as instalacións próximas como o Museo Etnográfico, o Albergue Municipal e o propio Auditorio. Ao mesmo tempo, o histórico Muíño de Aceite de Bendilló abrirá as súas portas para que os visitantes poidan descubrir o proceso tradicional de elaboración do aceite. Para facilitar o acceso ao muíño, habilitarase un servizo de autobuses que funcionará desde as 11:00 ata as 14:00 horas, con saídas cada hora desde o centro de Quiroga.
No marco das actividades do domingo, e por primeira vez na historia da Mostra, celebrarase un pregón para exaltar as cualidades do aceite de oliva de Quiroga. Ademais, o programa incluirá un show cooking no que cociñeiros profesionais realizarán demostracións culinarias explicadas en directo.
Outro dos atractivos será a realización de tres catas comentadas de aceite de Quiroga no Museo Etnográfico, dúas en horario de mañá e unha pola tarde, nunha xornada de portas abertas que incluirá visitas guiadas ao museo. Como peche desta edición tan especial, o domingo rematará cunha actuación musical para pór o broche de ouro a dous días de celebración arredor dun dos produtos máis emblemáticos da comarca.
Con esta programación renovada, Quiroga reafirma o seu compromiso coa valorización do aceite de oliva e co impulso do turismo local, ofrecendo unha experiencia que combina tradición, innovación e gastronomía.