A mostra 'Benjamín Tudela. Un viajero en el tiempo' xa se pode visitar en Monforte
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, a exposición que o Concello, xunto á Red de Juderías de España, Caminos de Sefarad, organizou baixo o título "Benjamín de Tudela. Un viajero en el tiempo".
“Esta exposición de fotografías” destaca o alcalde “recolle o estado das xudarías, no ano 2016, e dos países que visitou Benjamín de Tudela entre 1163-1174. A mostra reflexa o periplo realizado polo viaxeiro desde a visión persoal do fotógrafo tudelano Jesús Álava, co obxectivo de contrastar as notas dadas por Benjamín no século XII coa actualidade”.
"Benjamín de Tudela. Un viaxeiro no tempo", consta de 52 paneis informativos compostos cada un deles dunha fotografía de 40x50 cm, con pés de fotos extraídos do libro de Benjamín orixinal.
No acto inaugural, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón.
BENJAMÍN DE TUDELA
Benjamín de Tudela viviu na segunda metade do s. XII e foi o viaxeiro xudeu medieval máis importante. A única fonte de que dispomos é o seu “Libro de Viajes”. Aínda que escritores non xudeus titúlano frecuentemente como “rabí”, non existen probas de que o fose, se se exceptúa a abreviatura convencional fixada ao seu nome nas fontes hebreas. Fillo do rabí Jonás foi un home preparado, pois tiña formación en historia, ademais de ser coñecedor do hebreo, arameo, grego, latín e árabe.
Podería fixarse o inicio das súas viaxes entre 1159 e 1167 (reinando en Navarra Sancho VI “o Sabio”) e o seu regreso en 1172-1173 (ano 4933 do calendario xudeu). Segundo isto, as súas viaxes tiveron unha duración mínima de cinco anos e unha máxima de catorce. Esta última hipótese parece a máis probable, dado que a súa última etapa -desde que abandona Exipto e chega a España- durou polo menos un ano.
Tampouco se coñece a finalidade destas viaxes, aínda que parece que Benjamín de Tudela puidese ser comerciante en pedras preciosas xa que consta que en máis dunha ocasión mostrou vivo interese polo comercio do coral. Na súa viaxe tomou contacto coas comunidades xudías que se ía atopando. En total, visitou 190 cidades de Europa e Oriente, converténdose nunha das primeiras fontes da demografía xudía. O seu interese centrouse nos xudeus e a súa situación, describindo personalidades, centros de estudos, poboación, formas de vida, dificultades e éxitos. Tamén fala dos grandes acontecementos políticos e históricos da súa época.
O seu Libro de Viajes (Sefer Maasaot), publicado en hebreo en Constantinopla en1543, baséase nas notas e impresións recollidas durante o seu longo periplo. Desde Tudela descende polo val do Ebro: Zaragoza, Tortosa, Tarragona, Barcelona e penetra en Provenza a través de Xirona. Embárcase en Marsella e viaxa a Xénova, Pisa, Lucca e Roma, cidade na que debeu deterse durante un tempo, a xulgar polo minucioso relato que ofrece dos seus monumentos.
Deixa Roma e encamíñase cara ao sur, onde chega a Salermo. Embarca novamente en Otranto, pasa pola illa grega Corfú, no mar Xónico e Arta. Atravesa Grecia e detense en Constantinopla, da que ofrece unha viva descrición, de gran importancia para o coñecemento das condicións e situación socioeconómica dos seus habitantes naquel momento. Cruza o mar Exeo (illas Mytilena, Chíos, Samos, Rodas) até Chipre. Xa en terra firme, pasa por Antioquía, Sidón e Tiro, entrando en Israel por Acre, naqueles momentos en mans dos Cruzados. Percorre o país e describe detalladamente os Santos Lugares deixando un documento de especial interese para o coñecemento de Palestina daquela época.
De camiño cara ao Norte, pasa por Tiberíades, Damasco, Alepo e Mosul, cun itinerario difícil de precisar. Chega a Bagdad, cidade que describe con maior extensión que calquera outra. É probable que viaxase ao longo e ancho de Mesopotamia e Persia, aínda que nestes relatos abundan os materiais lendarios. É improbable que se aventurase a traspasar estes ámbitos xeográficos, aínda que se esforzou por reunir noticias sobre as comunidades xudías de lugares aos que non viaxou, como Arabia, Persia, Asia central, India ou Ceilán, e mesmo menciona a existencia da xudaría de Kai Fong en China.
Xa de volta, fai unha admirable descrición de Exipto e en especial, da vida dos xudeus no Cairo e Alexandría, cidade na que embarca para chegar a Sicília. Dános unha descrición coidadosa e pintoresca de Palermo. De alí, probablemente, regresa a España por mar, aínda que o itinerario finaliza cunha idealizada visión da vida xudía de Alemaña e do norte de Francia, baseada talvez en relatos que chegaron aos seus oídos.