A soberina Uxía Trail representará a Galicia na fase nacional da Olimpíada de Xeoloxía


O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato de Ciencias do IES A Pinguela participou recentemente na fase galega da XVI Olimpíada de Xeoloxía, obtendo uns resultados excepcionais na sede de Lugo. O centro acadou o premio ao mellor grupo, ademais de lograr os tres primeiros postos na clasificación individual: Uxía Trail obtivo o 1º premio, Adrián R. Pacio o 2º e Ángel Seijas o 3º.
Uxía Trail Bates, alumna de 2º de Bacharelato, representará a Galicia na fase nacional da Olimpíada, que terá lugar en Barcelona.
A fase galega desenvolveuse en cinco sedes, e na de Lugo participaron arredor de 40 alumnos de institutos de Bacharelato das provincias de Lugo e Ourense.
Desde o IES A Pinguela felicitan a todo o alumnado participante polo seu esforzo e excelentes resultados, así como ao seu profesor de Xeoloxía, Pablo Fdez. Zapata, polo gran traballo realizado.
