A moción do BNG sobre a reivindicación de actuacións no marco do 25N foi aprobada
A moción sobre a reivindicación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller proposta no pleno polo BNG foi aprobada, xa que, en palabras do concelleiro Manuel Luaces, "é necesario un compromiso político e orzamentario urxente para abordar a violencia contra a muller, especialmente nun contexto de avance de discursos machistas, e non se entende a negativa do Partido Popular ao respecto, mercando o discurso da extrema dereita”.
Así, no pasado pleno do mes de outubro, o BNG de Monforte presentou unha moción sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista.
Na exposición de motivos o concelleiro, Manuel Luaces, falaba do aumento de feminicidios en Galicia e no conxunto do Estado en 2023, e propoñía un compromiso político e orzamentario urxente para abordar a violencia contra a muller, especialmente nun contexto de avance de discursos machistas.
O acordo que se propoñía constaba de 4 puntos, que apuntaban a expresar rexeitamento ante discursos negacionistas da violencia machista, apoiar as demandas do feminismo galego e apoiar as convocatorias do 25 de novembro de 2023; instar á Xunta de Galicia a incrementar os recursos destinados a combater a violencia de xénero nos orzamentos de 2024, situándoos polo menos no 1% do total; esixir á Xunta de Galicia maiores esforzos na prevención e loita contra a violencia sexual, acelerando a aplicación de acordos parlamentarios e promovendo unha campaña específica no ámbito educativo; e demandar á Xunta a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos Centros de Información á Muller (CIM) mediante medidas como o aumento da axuda económica, establecendo cocientes mínimos de persoal, e ampliando o persoal acreditado para incorporar novos perfís.
Dita moción foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros do BNG e PSOE, e votos en contra dos concelleiros do PP. Esperta Monforte non votou pola ausencia do seu concelleiro.