A mellora de estradas no sur de Lugo conta cun investimento de 2,4 millóns de euros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 12 ofertas para executar as obras de mellora do firme de dúas estradas da Xunta do sur da provincia de Lugo, que suporán un investimento autonómico de 2,4 millóns de euros.
Trátase das actuacións de reforzo do firme ao longo de 22 quilómetros da vía de altas prestacións CG-2.1, que une Monforte de Lemos co Alto do Faro, e da LU-533, a estrada autonómica que comunica Chantada e Escairón.
Esta intervención do departamento que dirixe Ethel Vázquez conta cun prazo de execución de 6 meses e o obxectivo é iniciar os traballos este verán, para telos rematados este mesmo ano.
As actuacións proxectadas permitirán a mellora do firme nestas dúas estradas, ao seu paso polos municipios de Monforte de Lemos, de Pantón, do Saviñao e de Chantada.
Máis en detalle, intervirase en case 12 km da vía de altas prestacións de conexión con Chantada, que continúa cara a Lalín, concretamente no treito entre Monforte e Escairón; e en algo máis de 10 km da estrada autonómica LU-533.
Segundo o grado de deterioro que presente o firme, realizaranse fresados de maior ou menor espesor, para garantir unha correcta execución dos traballos, incrementando a durabilidade e a adherencia; reforzando a seguridade e ofrecendo tamén maior comodidade de condución aos usuarios destas dúas estradas da Xunta. No caso da vía de altas prestacións, na CG-2.1, estenderase unha capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada.
Estes traballos completaranse coa limpeza e roce das cunetas e coa reposición da sinalización horizontal, marcas viarias e captafaros.
Estas actuacións forman parte do Plan de reforzo de firmes, mediante o cal a Xunta investirá este ano 4,6 M€ no acondicionamento do firme das estradas autonómicas da provincia de Lugo. As actuacións previstas están xa todas elas licitadas e o obxectivo é executalas ao longo do presente exercicio 2021.
O departamento de Infraestruturas da Xunta segue a impulsar o traballo e a destinar recursos para as estradas autonómicas se atopen nas mellores condicións, e en proporcionarlle aos cidadáns vías máis cómodas e seguras para os seus desprazamentos.