A maleta viaxeira contra a violencia de xénero chega a Taboada co gallo do 8M

RibeiraSacraXa
A iniciativa promove a formación e educación en igualdade de xénero entre a cidadanía da provincia de Lugo
presentacion-mavi-maleta-viaxeira-8m-taboada
Presentación da iniciativa MAVI en Taboada
18 Feb 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, defendeu hoxe en Taboada a necesidade de concienciar e formar á poboación en igualdade de xéneros, sobre todo a mocidade, para previr e detectar todas as formas de violencia de xénero e erradicar o machismo. Así o afirmou no acto de entrega ao alcalde de Taboada de “MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero”, un programa impulsado pola Subdelegación e que posibilita que a cidadanía teña acceso a materiais impresos de distinto formato que versan sobre igualdade e feminismo.

A subdelegada presentou este programa xunto ao alcalde de Taboada, Roi Rigueira; a concelleira de Igualdade, Patricia María Conde e a Xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación, Mª Luisa Castro.

No acto, Isabel Rodríguez agradeceu a colaboración do Goberno Local para materializar esta actividade, que en Taboada se desenvolverá no Instituto de Educación Secundaria. Salientou, así, o carácter municipalista desta iniciativa desenvolvida dende a Subdelegación do Goberno, recalcando o importante papel que xogan os concellos para que este tipo de campañas cheguen á maior parte da poboación, e especialmente á poboación das zonas rurais que teñen máis dificultades para acceder a materiais de esta natureza.

Materiais contra o machismo

A maleta viaxeira MAVI recolle doce libros, dirixidos a todo tipo de público, e inclúe un diario onde as persoas que participen poidan expresar as súas reflexións e opinións sobre os libros e as experiencias que tiveron a través da lectura.

Isabel Rodríguez lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. “Por ese motivo estamos a mover pola provincia estas lecturas que abordan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero”.

A subdelegada celebrou a boa acollida que ten o programa na provincia, e lembrou que, nos últimos meses, MAVI xa percorreu bibliotecas, centros sociais e educativos de concellos como como Burela, Meira, Monforte, Vilalba ou Sarria e tamén visitou os centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso

0.15515780448914