A IV edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos puxo fin cun gran éxito de participación

O Concello de Monforte de Lemos puxo fin esta semana á IV edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos cunha actuación na Praza de España a cargo de Galga Blues Band e Bella Chaos.
Este ciclo, que forma parte do programa do Verán Cultural, celebrouse en distintos espazos da cidade desde mediados de agosto e contou coa participación de doce formacións locais. O obxectivo, deste ciclo, tal e como explicou o alcalde José Tomé, é dar proxección aos músicos da cidade que non teñen presenza noutros eventos como o Festival do Viño, o Carude Rock ou as Festas Patronais.
O rexedor lembrou que esta iniciativa naceu en 2022 como unha das novidades da programación estival e que se consolidou pola boa acollida das edicións posteriores. “É unha aposta decidida do Equipo de Goberno por darlle visibilidade e protagonismo aos grupos locais e poñer en valor o seu talento”, asegurou.
O ciclo desenvolveuse en dúas fases, con concertos en escenarios como a Praza da Compañía, a Praza da Estación e a Praza de España, coa participación dos grupos Cero2Cero, Malenne, Cool Flanders, Dinosaurios, El Mundo de Sofía Band, Segunda Parte, Deloreans, Los Jinetes del Trópico, Nectarine Soul, Deuce, Galga Blues Band e Bella Chaos.
O alcaalde salientou tamén “a oportunidade que ofrece este ciclo de concertos para que os veciños e veciñas de Monforte coñezan toda a creación e a diversidade de estilos dos grupos monfortinos” e asegurou que este certame é unha mostra da “aposta firme do Concello de Monforte polos grupos monfortinos, para dar a coñecer a súa creatividade e as súas propostas en diferentes estilos musicais tanto ós nosos veciños como ás persoas que nos visitan. En definitiva, o noso obxectivo é poñer en valor ós grupos musicais da cidade, incluíndoos no Programa do Verán Cultural, e dándolles así o recoñecemento que merecen”.