A ITV de máquinas de fitosanitarios estará en Quiroga en marzo
A unidade móbil de Inspección Técnica de Máquinas de Fitosanitarios desprazarase ata Quiroga para realizar a ITV a todas as máquinas sulfatadoras que o precisen. Os días para realizar a inspección serán o 30 e 31 de marzo nos talleres Rofer de Quiroga. A reserva poderase facer acudindo persoalmente ao taller ou chamando ao teléfono 982 428 653.
Desde o ano 2016, as sulfatadoras están obrigadas a pasar a súa propia ITV. Non cumprir a normativa ambiental europea leva sancións: os equipos que traballen con produtos fito sanitarios sen superar a inspección técnica enfróntanse a multas de entre 300 a 3.000 euros.
O exame afecta a máquinas de máis de 100 litros de capacidade e que superen os cinco anos de antigüidade. Quedan excluídos da revisión os equipos fitosanitarios que son pulverizadores de mochila e os de arrastre manual (mochilas) con depósito de ata 100 litros.
No caso dos equipos novos, a inspección deberá realizarse no primeiros cinco anos tras a súa compra. Unha vez feita a primeira ITV fitosanitaria, pasarase cada cinco anos; agás os que prestan servizos a terceiros que deberán facerse cada tres anos.
Os requisitos principais da inspección son presentar a cartilla do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), manter o número de bastidor visible e ter o equipo limpo, tanto por dentro como por fóra, e sen fugas en circuítos, bombas e depósitos. Ao pasar este exame entregarase un adhesivo oficial da Xunta, parecido ao dos vehículos cando pasan a ITV, ademais do certificado correspondente de inspección.