A II Festa Interxeracional de Chantada reuniu a preto de 600 persoas

RibeiraSacraXa
A participación duplicouse respecto á primeira edición
festa-interxeracional-chantada-2025
II Festa Interxeracional de Chantada
1 Jul 2025

Este pasado domingo, o pavillón do colexio Eloísa Rivadulla acolleu a segunda edición da Festa Interxeracional organizada polo Concello de Chantada. Esta cita, que naceu o ano pasado co obxectivo de reunir ás familias da vila e das parroquias nun ambiente de confraternidade para dar a benvida ao verán, conseguiu duplicar a asistencia da primeira edición, pasando de 350 a preto de 600 participantes.

O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, e a concelleira de Servizos Sociais e Benestar, María Cándida Carnero, acompañados por outros membros do equipo de goberno, quixeron compartir esta xornada coa veciñanza. A celebración comezou ás 13:00 horas cunha misa solemne, seguida dun cóctel de benvida e un xantar popular, que se prolongou ata arredor das 21:00 horas cunha animada sesión de baile a cargo do Dúo Élite.

Durante a festa, sorteáronse fins de semana en balnearios, ceas, comidas en restaurantes e numerosos agasallos doados por empresas locais colaboradoras como Distribucións Calambuco, Restaurante Pulpería Os Pendellos, diversas adegas, floristerías, xoiarías, supermercados e outras entidades, ademais do GDR Miño-Ulla. Grazas a estas colaboracións, todos os nenos e maiores asistentes levaron un recordo desta xornada.

O alcalde quixo agradecer o esforzo de todas as persoas que fixeron posible este evento, así como a participación das familias. “Para nós é fundamental na organización desta Festa a implicación do persoal do Concello e do CEIP Eloísa Rivadulla. Case duplicamos a participación con respecto ao primeiro ano, polo que á xente lle gusta reunirse neste tipo de encontros, para o vindeiro ano seguiremos recibindo o verán coas familias e agradecendo a compaña dos nosos maiores”, sinalou Manuel Lorenzo Varela.

⚙ Configurar cookies
0.16382002830505