A igrexa de Santa María de Nogueira será mellorada cunha subvención de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia

RibeiraSacraXa
Mellorarase a accesibilidade do templo e eliminarase o cableado eléctrico aéreo mediante o soterramento das liñas, entre outras actuacións
santa-maria-de-nogueira-chantada
Santa María de Nogueira, Chantada
5 Apr 2025

O Concello de Chantada conta cunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia de 30.000 euros para acometer melloras na contorna da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, templo declarado BIC (Ben de Interese Cultural) a finais do 2018 cando obtivo este recoñemento a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

As obras que comezarán en canto se dispoña de todos os permisos necesarios, consistirán na eliminación do cableado eléctrico aéreo mediante o soterramento das liñas e a pavimentación dos camiños nos tramos polos que discorren as canalizacións.

Con todo mellorarase a accesibilidade do templo e a seguridade destas instalacións que son un importante recurso turístico en Chantada polas súas pinturas murais e o espazo que ocupa a igrexa co Miño ao fondo.

Con esta subvención para melloras das infraestruturas turísticas, o Concello de Chantada quere fomentar a consolidación turística nas zonas rurais coa posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. “É unha moi boa nova que conseguiramos financiación para solucionar o tema das liñas aéreas na igrexa de Nogueira de Miño. Retiraranse os postes de formigón e instalaremos novas luminarias para ofrecer unha mellor imaxe do noso patrimonio”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela que anuncia que desde o concello se traballa para acometer outras melloras na contorna desta igrexa.

⚙ Configurar cookies
0.17582297325134