A I Subida Ribeira Sacra de Chantada formará parte do Campionato de España de Montaña

A Escudería Chantada R.S. Motorsport presentou oficialmente o cartel da I Subida a Ribeira Sacra de Chantada, unha nova proba automobilística organizada por esta entidade e coorganizada xunto coa Escudería Valdeorras.
O evento nace co obxectivo de recuperar o automobilismo de montaña nun contorno emblemático como é a Ribeira Sacra e xorde tras a cancelación da 52 Subida a Chantada, unha proba histórica para a comarca. A organización anunciou o pasado mes de xaneiro a suspensión definitiva desa cita ao non darse “as condicións óptimas para reunir o orzamento necesario que unha proba deste calibre require”.
A nova competición busca recoller o espírito da súa predecesora e celebrarase os días 10, 11 e 12 de xullo, formando parte do Campionato de España de Montaña.