A historiadora monfortina, Manuela Sáez González, será a pregoeira das Festas Patronais de Monforte de 2025

A historiadora monfortina, Dona Manuela Sáez González, será a pregoeira das Festas Patronais de Monforte de 2025, tal como o anunciou o alcalde, José Tomé Roca, esta fin de semana.
Tomé destacou “o prestixio acadado por esta doutora en Xeografía e Historia”, que “está considerada como unha das maiores expertas a nivel mundial na Casa de Lemos, e contribuíu dun xeito impagable a poñer a cidade de Monforte de Lemos no panorama cultural internacional a través dos seus traballos de investigación sobre o Virrei D. Pedro Fernández de Castro, Andrade e Portugal, VII Conde de Lemos, ata o punto de que o propio Duque de Alba e actual Conde de Lemos, Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, cualificou unha das últimas publicacións da nosa pregoeira, Vida y obra del VII Conde de Lemos, como a publicación máis importante realizada sobre a figura do Conde de Lemos e sobre calquera membro da Casa de Lemos”.
O alcalde subliñou que “ademais da transcendencia que teñen todos os seus estudos, que son utilizados como referente por moitos historiadores e profesores de Historia, Dona Manuela Sáez resulta unha excelente embaixadora da súa cidade natal, xa que durante a súa traxectoria profesional e vital sempre aproveita calquera ocasión que ten ao seu alcance para ensalzar a nosa cidade como referente cultural e histórico”.
Neste senso, dixo, “resulta impagable para os monfortinos a súa reivindicación da cidade de Monforte como referencia para os estudosos da arte, pola dificultade de atopar obras de arte do século XVII en Galicia, que poñen en valor o Museo da Compañía e o Museo das Clarisas, con obras de escultores napolitanos e de Gregorio Fernández, pintura do Greco, de Azzolino, Andrea del Sarto, Antiveduto Gramatica e dos Ricci, que a Doutora Sáez reivindica cada vez que ten ocasión”.
José Tomé tamén quixo poñer en valor o recoñecemento internacional da historiadora grazas ao seu traballo meticuloso e rigoroso durante toda a súa carreira, tal e como demostra o recoñecemento que lle acaban de facer en Italia, outorgándolle a condecoración da insignia da “Orde da Estrela” co grado de comendadora, que lle foi imposta o pasado mes de xuño polo embaixador de Italia en España. Esta insignia está instituída para recoñecer a persoas que contribúen de forma destacada á promoción de relacións de cooperación entre Italia e outros países.
José Tomé aproveitou a ocasión para agradecerlle en público a Dona Manuela a invitación que lle fixo para ser partícipe deste acto honorífico, dándolle a oportunidade de sentir un enorme orgullo por unha das veciñas de Monforte “máis insignes que temos na cidade”.