A Gala do Deporte de Monforte premiou aos mellores profesionais do deporte do municipio

RibeiraSacraXa
A Gala do Deporte de Monforte premiou aos mellores profesionais do deporte do municipio na casa da cultura
Gala do Deporte entrega premios Monforte 2023
30 Xuño 2023

O rexedor municipal, José Tomé, tamén salientou a aposta decidida que dende o Concello se leva facendo desde que chegou ao goberno, en 2015

A Casa da Cultura Lois Pereiro acolleu a entrega de premios da Gala do Deporte de Monforte de Lemos, na que o alcalde, José Tomé, destacou que “nestes últimos anos, Monforte ten o privilexio de poder disfrutar dunha xeración de grandes deportistas, e afortunadamente a colleita segue medrando, a pesar das dificultades xurdidas nos últimos anos".

Así, puxo en valor que "os nosos deportistas aplicaron no seu día a día e ao longo destes últimos tempos os valores do esforzo, o sacrificio, a constancia e a superación", e resaltou “o bo momento actual que estamos vivindo no deporte monfortino, que é posible porque temos unha boa materia prima de nenos e nenas, rapaces e rapazas que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva, e que acompañados polo bo traballo dos clubs, dos seus directivos e dos familiares, conseguimos entre todos acadar os éxitos deportivos que nos fan disfrutar dun bo número de modalidades deportivas, dentro das posibilidades que permiten as nosas instalacións”.

Neste senso, o alcalde resaltou os bos resultados acadados en varias modalidades deportivas “que están á altura de cidades con moita máis poboación, a pesar de que contan con moitos máis recursos cos que podemos ter na nosa cidade”.

Premios da Gala do Deporte

Os premiados da oitava Gala do Deporte de Monforte elixíronse de entre as 32 persoas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso: mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e clubs do ano 2022.

Cun salón de actos ateigado de deportistas e familiares, o acto, conducido por Manola Porto, plasmou a homenaxe e o recoñecemento a diversas persoas e entidades relacionadas co deporte local e que destacaron ó longo do pasado ano 2022.

Así, o mellor deportista absoluto masculino foi Daniel Arean Grejs, a mellor deportista absoluta feminina foi Noa Díaz Quintián, o mellor deportista promesa masculino foi Diego Expósito Díaz, a mellor deportista promesa feminina foi Andrea Gudín Pérez, o mellor adestrador foi Miguel Ángel de la Gama Serrano, a mellor árbitro foi Laura Correas Martínez, o club máis destacado na promoción do deporte foi o Club Taekwondo Neka, o mellor equipo de categoría absoluta foi o Club Natación Monforte, o mellor equipo de categoría de base foi o C.B. Val de Lemos Cadete Masculino/Mixto e o premio á deportividade e xogo limpo foi para o C.B. Val de Lemos.

Por outra banda, fóra de concurso fixéronse outros recoñecementos, como o galardón polos anos de dedicación aocoidado do Pavillón Polideportivo da Pinguela, para Manuel Luís Vázquez Vázquez; o recoñecemento o seu labor directivo como presidenta do Clube de Fútbol Monforte, para Mariluz Parada Rodríguez; e o recoñecemento polos anos de dedicación ao fútbol local, para .Juan Luis Rodríguez Doce. Ademais, propúxose tamén un recoñecemento a Consuelo Vara Touzón, como pioneira do voleibol local, pero non puido asistir á Gala por problemas de saúde.

Aposta polo deporte monfortino

O rexedor municipal tamén salientou a aposta decidida que dende o Concello se leva facendo desde 2015, xa que son "conscientes da importancia que teñen os clubs para organizar o deporte monfortino, e por iso, colaboramos moi estreitamente con eles, para que os clubs e os deportistas realicen as actividades deportivas nas mellores condicións posibles".

Así, José Tomé salientou que o equipo de Goberno, nos orzamentos do presente ano 2023, incrementou as axudas ós clubes pasando de 110.852,50 euros en 2022 a 115.040 euros en 2023. “Mantemos, polo tanto, o compromiso cos clubes, co deporte de base, coa actividade física e saudable”.

Do mesmo xeito, no apartado de deportistas individuais, no mandato que acaba de rematar, o Concello creou este tipo de axuda que non había, e este ano, aumentouse a partida para deportistas individuais, pasando de 7.000 a 10.000 euros, o que supón un incremento de máis do 40%.

O ano pasado, desde o equipo de Goberno creouse tamén a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, cunha axuda que se creou con 10.000 euros no pasado ano 2022, e que pasa a 12.000 euros en 2023, un 20% máis.

Por outra banda, o alcalde incidiu que “dende o equipo de Goberno puxemos en marcha actuacións de enorme relevancia en instalacións deportivas da nosa cidade, por citar algunha podemos falar dos campos de fútbol ou das obras de reforma integral do pavillón polideportivo de A Pinguela, que suporán unhas novas instalacións deportivas máis modernas, e máis adecuadas para e eventos deportivos, e sobre todo, máis respectuosas co medio ambiente, algo que cada vez ten máis importancia”.

Tomé rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes e felicitou a todos os candidatos e candidatas así como aos premiados e premiadas, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.

Na entrega de premios, ademais do alcalde, tamén estiveron presentes e participaron a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Cultura, Marina Doutón, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López, así como diversos membros da Corporación municipal.

0.13190078735352