A Gala do Deporte 2025 de Monforte será o 7 de xullo

A Gala do Deporte 2025 do Concello de Monforte celebrarase o luns 7 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. Trátase dunha cita consolidada que volverá recoñecer a dedicación e os logros de deportistas, clubs, adestradores, técnicos e árbitros da cidade.
Segundo explicou o propio alcalde, o obxectivo desta gala é “poñer en valor os resultados e o traballo que desenvolven atletas e clubs da nosa cidade ao longo do ano, neste caso referido ao ano 2024”. Este ano presentáronse un total de 30 candidaturas que competirán nas distintas categorías convocadas polo Concello.
O xurado reunirse-á o vindeiro mércores 2 de xullo para avaliar os méritos de cada candidatura. Será durante a gala cando se desvele quen son os premiados en cada apartado, nunha edición que volverá poñer no centro a quen contribúen a que Monforte siga destacando en diferentes disciplinas deportivas.
Na categoría de Mellor Deportista Masculino Absoluto, os finalistas son Iker Fernández Codesido (atletismo), Alejandro Losada Rodríguez (taekwondo), Martín López González e Eloi López Rodríguez (baloncesto), e Ramón Xenxo López Díaz (tiro olímpico). Entre as mulleres, a única aspirante na categoría absoluta é Lucía Roca Rodríguez, que compite en taekwondo.
Os novos talentos tamén terán o seu espazo. Lucas Pavón Sanmartín (pesca), Ismael Rodríguez Nieves (atletismo), Gael Díaz de la Fuente e Gabriel Pinto Álvarez (taekwondo) optan ao premio a Mellor Deportista Masculino Promesa. Na categoría feminina, as candidatas son Ainoa Arias Fernández (baloncesto), Sara Pérez Pallín (atletismo), Lola Díaz Rodríguez e Inés Casal Peña (taekwondo), e Andrea Gudín Pérez (natación).
O recoñecemento a Mellor Árbitro decidirase entre as propostas recibidas, entre as que figura Icía Marcos García, especializada en taekwondo. Para Mellor Adestrador, o xurado valorará o traballo de Verónica Arias (baloncesto), Emilio Beltrán Díaz (natación) e José María Vega (taekwondo).
No apartado colectivo, aspiran ao galardón de Mellor Entidade Deportiva na Promoción do Deporte o Club de Tiro Olímpico Cabe, o CB Val de Lemos (baloncesto), o Club Pesca Río Cabe e o Club Taekwondo Neka. Tamén se premiará ao Mellor Equipo en categoría absoluta, co equipo de veteranas do CB Val de Lemos e o CN Monforte como aspirantes, así como ao Mellor Equipo de Base, entre os que se atopa o equipo alevín do CB Val de Lemos e o CN Monforte.
O espírito deportivo será tamén protagonista co premio á Deportividade e Xogo Limpo, ao que optan o CB Val de Lemos, Manuel Besteiro Rodríguez (atletismo) e o CN Monforte.