A Gala do Deporte 2024 do Concello de Monforte celebrarase o 27 de xuño
A Gala do Deporte 2024 do Concello de Monforte xa ten data e celebrarase o vindeiro xoves 27 de xuño na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, un evento que ten como obxectivo premiar e poñer en valor o esforzo e a dedicación de deportistas, clubs, adestradoras/as, técnicos/as e árbitros/as do municipio.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición o pasado 29 de marzo, foron 34, dúas máis que na edición anterior, o número total de candidaturas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2023.
“O noso obxectivo”, resalta o rexedor de Monforte, “é poñer en valor os resultados e o traballo que desenvolven atletas e clubs da nosa cidade ó longo do ano, neste caso referido ó ano 2023”.
Formalizadas xa todas as candidaturas, o xurado do concurso reuniuse onte luns 17 de xuño para valorar os méritos presentados por cada unha das candidaturas. O resultado das votacións do xurado daranse a coñecer na Gala do Deporte.
A edición deste ano 2024 terá lugar o xoves 27 de xuño ás 20.30 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, e nela daranse a coñecer os gañadores e gañadoras de cada unha das categorías que formaron parte do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2023 dun total de 34 candidaturas presentadas.