A Fundación Uxío Novoneyra abre o prazo para inscribirse no ciclo 'Lecturas habitadas'

A Fundación Uxío Novoneyra abriu a inscrición para o ciclo ‘Lecturas habitadas: Sesiones de biblioterapia para mujeres’, unha actividade que busca fomentar a creatividade e o empoderamento feminino a través da lectura.
O programa desenvolverase do 1 ao 3 de agosto na sede da Fundación, en Parada do Courel. O venres 1 de agosto terá lugar a sesión “Una introducción a la biblioterapia”, guiada por Branca Novoneyra e Lucía Miranda-Morla. O sábado 2 celebrarase “Lírica botánica”, con Branca Novoneyra, e o domingo 3 pechará o ciclo “La gourmet literaria”, da man de Lucía Miranda-Morla.
A proposta está dirixida a mulleres de calquera idade interesadas na lectura. Durante os encontros leranse textos relacionados con cada temática, sen repetir lecturas doutras edicións. Entre as autoras que se traballarán figuran Emily Dickinson, Rosalía de Castro, Rosa Luxemburg, María Mariño, Louise Glück, Natalia Ginzburg ou Banana Yoshimoto, entre outras.
O obxectivo é achegarse á biblioterapia, descubrir a súa evolución e explorar a relación da literatura coa botánica e a gastronomía desde unha perspectiva creativa e colectiva.