A Fundación Roberto Rivas promove o emprendemento social cunha iniciativa de formación

LugoXa | RibeiraSacraXa
A Fundación Roberto Rivas promueve el emprendimiento social con una iniciativa de formación e incubación de emprendedores.
RR_dTerritorio
21 Abr 2022

A Fundación Roberto Rivas acaba de abrir o prazo de inscrición para a II edición do programa RR_ dTerritorio, unha iniciativa de formación e incubación de emprendedores para promover o emprendemento social innovador no territorio rural de Galicia.

O obxectivo principal do programa RR_ dTerritorio, impulsado pola Fundación Roberto Rivas e apoiado pola Rede Eusumo, é promover e apoiar proxectos de emprendemento capaces de dar resposta ás necesidades dos territorios do interior de Galicia. Así, as persoas participantes terán a oportunidade de materializar as súas ideas de emprendemento a través dun programa de incubación totalmente experiencial, liderado por un equipo de profesionais cunha longa traxectoria en emprendemento e orientado cara á innovación e a sustentabilidade.

Esta segunda convocatoria será presentada oficialmente o vindeiro xoves 21 de abril no espazo da fundación “A Moda” Rural Lab, en Silleda. No acto participarán a directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas; o presidente da Fundación, Roberto Rivas; e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña. Ademais, contará coa presenza de representantes da Deputación de Pontevedra e da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Segundo Olga Rivas, “este programa é o reflexo do compromiso da entidade coas comarcas rurais de Galicia, onde o obxectivo é xerar oportunidades e desenvolvemento a través de proxectos pensados para o rural, liderados por emprendedores que buscan unha transformación innovadora e sostible do territorio”.

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN 
As persoas cunha idea ou proxecto de emprendemento que queiran participar no programa poden inscribirse ata o 15 de maio a través do formulario da web rrdterritorio. com. Para calquera dúbida pódese contactar a través do mail programa@rrdterritorio.com.

Esta iniciativa está aberta a emprendedores rurais de toda Galicia, aínda que se enfoca en oito comarcas prioritarias de actuación: Deza, Tabeirós-Terra de Montes, Arzúa, Santiago, Terras de Melide, Chantada, A Ulloa e O Carballiño.

Avaliaranse todos os proxectos presentados, independentemente do grao de madurez dos mesmos, e valorarase especialmente a disposición e compromiso para participar no proceso formativo dunha maneira activa e responsable.

Ademais, priorizaranse aquelas ideas cun claro compoñente social, innovador ou de sustentabilidade, que xeren un impacto positivo no territorio e as persoas.

CONTIDO DO PROGRAMA
O programa RR_ dTerritorio comezará o 1 de xuño, co inicio da formación grupa en liña, que se prolongará durante os meses de xuño e xullo en horario de mañá. No mes de setembro desenvolveranse as mentorías en liña e as actividades presenciais, que incluirán xornadas de formación, talleres e visitas a empresas, institucións e recursos das comarcas centrais de Galicia.

Os módulos formativos que se abordarán neste programa centraranse en:

  • Claves para Emprender
  • Design Thinking e Prototipado
  • Marketing e Experiencia de Cliente
  • Innovación Social e Emprendemento Social
  • Economía Circular, Bioeconomía e Sustentabilidade
  • Comunicación e Ferramentas Dixitais
  • Tecnoloxías Emerxentes
  • Retos e Oportunidades no Territorio

Os emprendedores seleccionados participarán nun programa de formación e incubación 100% experiencial, que se caracteriza por estar conectado ao territorio e á súa realidade.

A finalidade é acompañarlles na xestación e desenvolvemento das súas ideas e proxectos, facilitándolles o acceso á formación e tecnoloxía; transferíndolles experiencia e coñecemento; e facilitándolles o acceso a financiamento público e privado.

Ademais, unha vez terminado o programa poderán seguir formando parte da comunidade de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas, unha rede de apoio sempre á súa disposición.

UN PROGRAMA INNOVADOR
O emprendemento social innovador é unha das claves para o crecemento sostible e sostido dos territorios, liderado polas persoas e baseado en ofrecer solucións e alternativas a través da innovación e o uso de novas tecnoloxías. Promover este tipo de emprendemento é impulsar un desenvolvemento de futuro, adaptado ás necesidades de cada territorio e preparado para transformalo desde o punto de vista económico e social.

O programa RR_ dTerritorio é innovador pola súa metodoloxía 100% experiencial, baseada no coñecemento do mundo do emprendedor e a aplicación práctica das técnicas e ferramentas de emprendemento máis actuais, pola súa axenda de contidos transversal, que combina formación teórica con dinámicas prácticas, talleres, visitas guiadas e actividades colectivas, o liderado a cargo dun equipo multidisciplinar de formadores e mentores con experiencia en emprendemento, a colaboración cos axentes locais de cada comarca, como son os concellos, viveiros de empresas, cooperativas, asociacións, empresas, industrias ou grupos de desenvolvemento rural, que participarán activamente na iniciativa e relacionaranse cos emprendedores e os seus proxectos, a inclusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible como parte transversal a todo o programa, o apoio continuado que se recibe unha vez terminado o programa, a través da rede de emprendedores, profesionais, entidades e organizacións que colaboran coa Fundación Roberto Rivas.

ÉXITO DA I EDICIÓN
A II edición do programa RR_ dTerritorio vén avalada polo éxito da primeira convocatoria, á que concorreron máis de 40 ideas, das que se seleccionaron 15 proxectos de emprendedores e emprendedoras de distintos puntos de Galicia. A I edición puxo de manifesto o interese do tecido emprendedor de Galicia por iniciativas deste perfil, conectadas á realidade e ás necesidades do mundo rural, que busca solucións innovadoras e de carácter social para afrontar os seus retos de futuro.

Alba Fernández, emprendedora que participou no programa co seu proxecto A Maceta – Espazo Coworking, comenta que “para min o programa foi moito máis que un emprendemento porque ao ser tres meses, todas as mañás, o que sentín foi acompañada, que tiña unha comunidade coa que compartir. Despois, para o meu proxecto, que ao final é algo moi persoal, o programa serviume como guía para ver que pasos tiña que dar para desenvolvelo.”

Pola súa banda, Silverio Salvador, co seu emprendemento do Capón dás Quintas, engade que “estando con toda a outra xente que presentaba o seu proxecto foi unha retroalimentación de ideas, de ánimos e de enerxía, e os formadores foi incrible como conseguían que cho tomases en serio e deixases de velo como un soño”.

Tanto a primeira como a segunda edición do programa RR_ dTerritorio enmárcanse no programa de actuación 2021-2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

0.12601017951965