A función “Memorias dun neno labrego” encheu o Edificio Multiusos de Monforte

RibeiraSacraXa
A obra, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións e dirixida por Cándido Pazó, logou un cheo completo do patio de butacas
tome-teatro-monforte
20 Feb 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asistiu este xoves á representación da obra de teatro “Memorias dun neno labrego”, que encheu a sala de butacas do Edificio Multiusos. O espectáculo, organizado polo Concello de Monforte a través do circuíto da Rede Galega de Teatros e Auditorios, acadou unha excelente acollida por parte do público.

A obra, coproducida polo Centro Dramático Galego e Contraproducións e dirixida por Cándido Pazó, rende homenaxe a Neira Vilas no décimo aniversario do seu pasamento e no 65º aniversario da publicación de ‘Memorias dun neno labrego’. O elenco artístico estivo formado por Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santosa, que ofreceron un espectáculo dinámico e pensado para todos os públicos. Completan o equipo Pablo Giráldez na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestuario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia á produción, traballando en coordinación co persoal técnico do Centro Dramático Galego.

O Concello mantén unha programación teatral continua no Edificio Multiusos, con propostas para os próximos meses que inclúen obras como ‘As desterradas’, de Producións Teatrais Excéntricas, escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval, e ‘A Historia vaxenial’, de Artyc Content, gañadora do VI Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade e inspirada na serie web do mesmo título que recibiu un Mestre Mateo. Tamén se programou a presentación de ‘A Penúltima’ a cargo do actor galego Carlos Blanco, así como as obras ‘Amalia y el río, historia de una estraperlista’, de Teatro Guirigai, e ‘Berenguela na gaiola’, de Galeatro Producións Escénicas, dirixida ao público infantil e familiar. Todas as funcións están programadas ás 20.15 horas, agás a infantil, que se representará ás 18.00 horas, e os prezos manteñense en 5 euros para o público xeral e 3 euros para menores, estudantes, desempregados e xubilados.

O Alcalde, José Tomé Roca, animou á cidadanía a participar nesta completa programación e destacou a “aposta decidida deste Equipo de Goberno pola cultura, e neste caso, polas artes escénicas, cunha oferta periódica no Edificio Multiusos que xa é un referente na axenda cultural de Monforte”.

⚙ Configurar cookies
0.095072031021118