A Fiscalía querélase contra o ex presidente da Deputación José Tomé por acoso sexual

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O PSOE anunciou que suspende a investigación interna para deixar actuar a xustiza logo de facerse a denuncia pola vía penal
jose-tome-diputacion-como-adscrito
2 Mar 2026

A Fiscalía Provincial de Lugo interpuxo unha querela contra o alcalde de Monforte e ex presidente da Deputación de Lugo, tras recibir unha denuncia particular por feitos presuntamente delituosos labores contra unha muller en setembro de 2025.

O Ministerio Fiscal considera que os feitos denunciados, con carácter provisional e sen prexuízo do resultado que puidese lanzar a investigación penal, poderían ser constitutivos ben dun delito de acoso sexual, ben dun delito de abuso no exercicio da función pública.

Considera a Fiscalía que os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura dunhas dilixencias de investigación preprocesal (DEP) e a interposición de querela, sen ser preciso efectuar ningunha dilixencia de investigación desde a Fiscalía, de maneira que, unha vez xudicializado o asunto, poidan exercerse en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición.

Esta denuncia vén a completar a efectuada a través da canle interna do Partido Socialista en Madrid e que provocou no mes de decembro a dimisión de José Tomé como presidente da Deputación nunha auténtica tormenta política, aínda que este segue a manter o cargo de alcalde de Monforte e segue na corporación provincial como deputado no adscrito.

O ex presidente mantivo desde o inicio que as acusacións son falsas, asegurando que “quen nada fixo, nada ten que temer”, asegurando que el non era nin o único nin o principal obxectivo da situación vivida.

A DEMANDA DO PARTIDO POPULAR

Tras coñecerse esta querela, o Partido Popular vén de esixir “coherencia” a PSOE e BNG. Antonio Ameijide reclama tanto a socialistas como nacionalistas que “deixen de amparar de inmediato” a José Tomé “e que suspendan todos os acordos que teñen con Tomé, tanto na Deputación como no Concello de Monforte, onde o manteñen na alcaldía”.

“A realidade é que PSOE e BNG levan dende o 10 de decembro do ano pasado poñendo todos os medios da Deputación orientados a normalizar unha situación totalmente anormal e agora teñen que explicar se van a seguir amparando a esta persoa”, sinalou.

Ameijide explica que “seguimos a defender a presunción de inocencia, pero tamén é certo que Fiscalía explica agora que os feitos poderían estar suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura dunhas dilixencias de investigación preprocesal.

O PSOE debe de aplicar "a mesma vara de medir que esixen aos demais", porque “a realidade que vemos todos os lucenses é que despois de coñecerse estes presuntos feitos o que fixeron dende PSOE e BNG foi subir o salario de Tomé, amparando que se puxera o soldo máximo por lei en Monforte e dándolle más de 30.000€ extra ao ano dende a Deputación”.

Antonio Ameijide afirma que "os feitos denunciados son dunha gravidade extrema, falamos dunha presunta utilización do cargo público para cometer presuntos abusos”. “A Deputación de Lugo non pode seguir baixo a sombra da sospeita pola xestión de quen a dirixiu ata hai apenas dous meses", lamentou.

Antonio Ameijide tamén insta a José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez a explicar as decisións tomadas polo seu partido xa que “a nivel galego ampararon todas as decisións que premiaron a Tomé cunha suba salarial e coa presidencia da Deputación na sombra”.

"Lugo e as súas institucións merecen limpeza e dignidade. Non cabe o silencio cómplice cando a xustiza sinala indicios de criminalidade tan graves no contorno do poder provincial".

Dende o PP reclaman tamén ao BNG que deixe de mirar a outro lado: “seguen sendo os cómplices de toda esta situación, non sabemos con que cara van a mirar Ana Pontón, Efrén Castro e todos os representantes do Bloque ás mulleres tras vender o feminismo polas súas dedicacións exclusivas”.

A CONTESTACIÓN DO BNG

Desde o grupo provincial do BNG lembran que esixiron a dimisión de José Tomé como presidente da Deputación desde o primeiro momento, cando se coñeceu a denuncia de acoso sexual a través dunha canle interna do PSOE o pasado 9 de decembro. O posicionamento do BNG forzou a dimisión de José Tomé, que non forma xa parte do goberno provincial.

"Esiximos tamén desde o primeiro momento a renuncia de José Tomé á súa acta como deputado provincial, por respecto á persoa denunciante, á cidadanía e á política. A querela da Fiscalía, coñecida hoxe, reafirma o noso posicionamento tamén neste sentido, din.

Tamén reiteraron o apoio total á vítima nas decisións que tome. "Ante casos de acoso sexual, é fundamental respectar a vontade e os tempos das vítimas e asegurar, desde as institucións, que se dan as garantías necesarias para que, cando o consideren, acudan aos tribunais, como aconteceu neste caso", din.

O PSOE SUSPENDE A INVESTIGACIÓN INTERNA PARA DEIXAR ACTUAR Á XUSTIZA

"As e os socialistas animamos sempre a denunciar, respectando que a decisión de facelo -e o momento no que se fai- pertence única e exclusivamente á vítima", indicou a dirección provincial do partido que asegurou que "vivimos nun Estado de Dereito e confiamos plenamente na Xustiza. Agora corresponde investigar os feitos con rigor e con todas as garantías, respectando tamén a presunción de inocencia, que é un principio básico da nosa democracia".

Por iso, ao pasar o asunto á vía penal, e tal e como establecen as normas, o PSOE anunciou que suspende o procedemento interno que estaba aberto no Canal Antiacoso. "Será a Xustiza agora quen determine o que ocorreu e, se procede, as responsabilidades correspondentes, a partir das que actuaremos, como sempre, con responsabilidade, coherencia e respecto ás persoas e as institucións", din.

0.1377580165863