A Festa do Caldo de Ósos de Taboada presenta o seu programa oficial

RibeiraSacraXa
A edición deste ano terá lugar os días 1 e 2 de marzo
Presentación do programa oficial da Festa do Caldo de Ósos de Taboada 2025
Presentación do programa oficial da Festa do Caldo de Ósos de Taboada 2025
19 Feb 2025

A Xunta de Galicia colabora coa 33ª edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada, que se celebrará durante a fin de semana do 1 e 2 de marzo. A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación do evento coa participación do delegado, Javier Arias, e o tenente de alcalde de Taboada, José Portela.

O asistentes á festa poderán degustar o tradicional menú con caldo de ósos e desfrutar das numerosas actividades paralelas vinculadas coa gastronomía e a coa cultura. Así, haberá un mercado de produtos locais e unha mostra de razas autóctonas, na que os expertos explicarán ademais o proxecto de cría dos animais.

A maiores, inaugurarase a exposición fotográfica ‘As Donas do Caldo de Ósos’, que se poderá visitar na Casa da Cultura da localidade durante todo o mes de marzo, e faranse proxeccións do documental ‘O caldo de ósos nas túas mans’ ao longo da fin de semana no Cuartel Vello.

A celebración contará con animación musical de rúa, coas actuacións de Os Rechouchíos e a Banda de Música de Agolada ou o concerto do grupo galego Alana, entre outros. A poeta e ensaísta Olga Novo, Premio Nacional de Poesía en 2020, será encargada de ler o pregón, o domingo ás 13.35 horas.

O delegado territorial destacou o apoio da Xunta á Festa do Caldo de Ósos, “unha cita máis que consolidada no programa gastronómico da provincia e que ademais é un símbolo de identidade do concello de Taboada”.

0.17059016227722