A música será a protagonista na Festa da Xuventude de Chantada do vindeiro 19 de abril
O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Xuventude, organiza o venres, 19 de abril, a I edición da Festa da Xuventude e desde as 20.00 horas contarase con música en directo e de balde en distintos espazos do centro da vila. Se a climatoloxía non acompaña, as actividades trasladaranse ao mercado gandeiro.
Así desde as 20.00 ás 00.00 horas actuarán as charangas Mekanika Rolling Band e Unión Phenosa e ás 00.00 horas contarase coa actuación da Orquestra Olympus, para a partir das 3:00 iniciar sesión de Disco Móbil con Euphoria.
“A idea é concentrar a actividade no centro da vila para darlle ambiente. Estamos apostando por propostas novidosas con actividades culturais, deportivas, educativas, festivas,… Tentamos ter varias actividades ao mes para mover á xente, darlle riqueza ao comercio e á hostalería. É unha forma de crear turismo na vila”, sinala Belén Vázquez, concelleira de Xuventude.
Como Festa da Xuventude, a proposta está pensada para mozas/os de entre 16 e 25 anos, pero búscase a participación de tódalas idades: “Queremos dinamizar o centro da vila para que non sexa unha festa exclusiva desa franxa de idade e queremos ofrecerlle á nosa xuventude alternativas de lecer nocturno porque moita mocidade non se sinte identificada coas saídas aos pubs. Espero que a todo o mundo lle guste e sexa exitosa para que xa quede marcada no calendario para próximos anos”, asegura Belén Vázquez.
A proposta ábrese á xuventude e xente da contorna e para facilitar a súa participación contarase con servizo de Noite Bus. O día 19 de abril sairá un autobús de Antas de Ulla ás 22.00 que pasará por Agolada, Lalín e Rodeiro. Tamén ás 22.00 sairá un autobús de Melide que pasará por Palas de Rei, Monterroso e Taboada. Ao regreso farase ao remate da festa.