A Festa da Primavera do Centro Social da Terceira Idade de Quiroga reuniu a máis de 150 persoas

O Centro Social da Terceira Idade de Quiroga celebrou o pasado venres a súa tradicional Festa da Primavera, que marcou o inicio das actividades previstas para a temporada estival. Máis de 150 socios e socias participaron nesta xuntanza, que contou cun xantar de confraternidade e música en directo para amenizar a sobremesa.
O evento contou coa presenza do concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, e do concelleiro de Medio Rural, Luis Manuel Arias, que deron a benvida aos asistentes. Durante a súa intervención, Fernández Montes aproveitou para lembrar as actividades que se desenvolven no centro e avanzou a intención de recuperar o dinamismo que caracterizaba a entidade hai unha década.
A convocatoria acadou un récord de participación nunha actividade do centro desde o inicio da pandemia, o que foi valorado de forma moi positiva pola organización.