A Feira Tradicional de Rubián Outrora de Bóveda xa ten cartel oficial da man de Alfonso Giménez
O IX Concurso de Carteis que anunciará a XIX Feira Tradicional de Rubián Outrora remata coa elección do cartel de Alfonso Giménez Ventura, de Betxí (Castellón).
O xurado escolleu o cartel de Alfonso Giménez por ser un dos que mellor recrea un mercado tradicional galego de finais do século XIX ata mediados do século XX. O concurso contou coa participación de preto de 30 carteis chegados de diferentes puntos da comarca, da comunidade galega e tamén do territorio nacional.
O autor recibirá un premio de 400 euros e é deseñador e artista de carteis con numerosos premios en concursos de carteis, como o da Semana Santa de Teruel, das festas patronais de Navarra ou da Festa Major 2022 de Valldoreix de Barcelona, entre outros.
Ademais del, tamén houbo participación de moitas persoas, tanto de Galicia como dunha persoa estranxeira, que elaborou un exemplar chegado desde Francia. Así, estes traballos participantes serán expostos en vindeiras datas no Centro Sociocultural de Bóveda.
Desde o Goberno local valoran o éxito da iniciativa e agardan que a XIX Feira Tradicional de Rubián Outrora, que se vai celebrar o vindeiro 14 de xullo, cumpra as expectativas e encha o Concello de Bóveda de visitantes.