A Feira Medieval de Sobrado de Trives regresa esta fin de semana para celebrar a súa duodécima edición

Sobrado de Trives acolle esta fin de semana a XII edición da súa Feira Medieval, unha cita xa consolidada na comarca que combina historia, recreación e cultura popular. O evento, organizado polo Concello da Pobra de Trives e o colectivo Fulión de Sobrado, terá lugar os días 2 e 3 de agosto cun programa cheo de actividades para todos os públicos.
A feira comezará o sábado ás 17:00 horas coa apertura do Mercado Medieval. Ao longo da xornada, veciñanza e visitantes poderán gozar de actos como a reunión de damas e cabaleiros, un desfile de bandeiras, o traspaso do reinado e a coroación do novo rei, que incluirá tamén o pregón. A xornada rematará cunha cea ofrecida por súa maxestade e unha representación teatral a cargo dos xograis.
O domingo, a actividade continuará a partir do mediodía coa reapertura do mercado e un desfile de adegas ás 13:30 horas. Pola noite, celebrarase unha recreación da Inquisición coa "sentenza e queima da meiga" e, xa pasada a medianoite, un ritual con druída e queimada poñerá o broche final á fin de semana.