Monforte repartiu máis de 3.000 euros en premios durante unha exitosa edición da súa Feira Medieval

RibeiraSacraXa
Veciños e visitantes desfrutaron durante este sábado e domingo dunha recreación histórica que converteu a capital da Ribeira Sacra nun escenario medieval
premios-feira-medieval-monforte-2026
6 Apr 2026

A XXII edición da Feira Medieval de Monforte chegou ao seu fin este domingo tras unha fin de semana marcada pola elevada participación e un completo programa de actividades. As rúas e prazas da cidade enchéronse de visitantes que desfrutaron dunha recreación histórica que converteu a capital da Ribeira Sacra nun escenario medieval.

Como parte da programación, o Concello fixo entrega dos premios dos concursos organizados para fomentar a implicación cidadá no evento. En total, convocáronse tres certames independentes cunha dotación económica conxunta de ata 3.200 euros: o X Concurso de Decoración de Balcóns, o XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros e o XIII Concurso de Traxes Medievais.

Durante o acto, celebrado na Praza de España, o alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, destacou a importancia da participación veciñal, sinalando que “é animar aos monfortinos e as monfortinas, así como aos visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma, xa que a súa colaboración é unha parte fundamental do éxito que acadamos ano tras ano con esta feira”.

No apartado de decoración de balcóns, o primeiro premio foi para o local social A Pinguela, seguido de AFAMON e José Antonio Dávila Rodríguez, ademais dun accésit para a Asociación Española Contra o Cancro de Monforte. No concurso de establecementos comerciais e hostaleiros, Carpe Diem acadou o primeiro posto, mentres que Chuladas y más e O Salgueiral obtiveron o segundo e terceiro premio, respectivamente, xunto con dous accésits para Liliana Margarita e Pizzería Versalles.

No XIII Concurso de Traxes Medievais, na categoría de adultos individual resultaron gañadoras Julita Berreiro Cano e Rebeca Galván Segura. En parellas, os premios foron para Montserrat Varela Ons e Asier Castro Varela-Ons, e para Esther Fraile Hernández e Raúl Pérez Hernández. Na categoría infantil, Sol Galván Segura foi premiada na modalidade individual, mentres que Mateo e Leo Díaz Uceira, e Ana e Elisa López Pérez destacaron na categoría de parellas.

A xornada de clausura completouse co desfile do Gran Dragón polas rúas do burgo medieval e co espectáculo “Vulcano”, unha proposta de danza e lume celebrada na Praza de San Antonio que puxo o broche final a esta edición, a máis multitudinaria da feira.

BALANCE “MOI POSITIVO”

O alcalde cualificou esta edición da feira como “un éxito rotundo”, e fai un balance “moi positivo” da vixésimo segunda edición deste evento festivo ao que considera “unha das mellores festas de recreación histórica do noroeste peninsular”.

O rexedor destaca que a celebración “levouse a cabo sen ningún tipo de incidencia salientable, o que é moi importante tendo en conta que foi multitudinaria, con milleiros de persoas, tanto de Monforte como de visitantes, que encheron a cidade”. Neste senso, Tomé Roca agradece a implicación da veciñanza na celebración que se desenvolveu acompañada dunha excelente climatoloxía. “Acompañou o tempo e acompañaron os monfortinos e monfortinas que se implicaron co evento saíndo cos traxes de época e participando de todas as actividades que tiñamos programadas”, indicou o mandatario.

Espectáculos como as xustas de cabaleiros no campo de terra dos Escolapios, os pasarrúas con música e personaxes fantásticos, as actuacións na Praza de España ou desfile do Gran Dragón acadaron unha importante afluencia de público, con especial mención ao desfile de antorchas e solta de faroliños en San Vicente. “A xornada do sábado foi espectacular desde o momento da inauguración pola mañá ata a noite, que pechamos coa solta dos faroliños en San Vicente, que ademais foi un acto tremendamente emotivo e moi bonito”, indica o Alcalde. “Tamén o domingo foi moi especial, con animación de rúa que mantivo moi bo ambiente durante toda a xornada”, engade.

“Un éxito como o que acabamos de vivir non fai mais que animarnos a continuar traballando por Monforte e por esta Feira Medieval que ten máis que merecida a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, consideración que agardamos celebrar na próxima edición que será a número 23”, conclúe Tomé.

0.12263584136963