A Feira Guímara celebrará este sábado a súa décima edición

RibeiraSacraXa
A feira contará con quince postos de artesanía e produtos locais, xogos populares e música
Feira-Guímara-A-Pobra-do-Brollón
9 Jul 2025

A Pobra do Brollón celebra este sábado, 12 de xullo, a décima edición da Feira Guímara, un evento que lembra a revolta histórica da veciñanza contra o Conde de Lemos. A feira desenvolverase no campo feiral tradicional, xunto ao río Rubín, cunha programación que se estenderá desde o mediodía ata a noite.

As actividades comezarán ás 12:00 horas co pregón a cargo da xornalista cultural Belén López Rodríguez, natural da parroquia de Recemunde. Despois terá lugar a representación da revolta, protagonizada polos propios veciños e veciñas.

A mañá continuará cun vermú amenizado pola agrupación O Recanto, que tamén acompañará a sobremesa. Ademais, o CENTRAD ofrecerá demostracións de oficios tradicionais como forxa e torneado de madeira.

Para o xantar instalaranse mesas de uso libre para que os asistentes poidan levar a súa comida, ao estilo dunha romaría. Tamén haberá polbo e un foodtruck da cooperativa Tres Fuciños.

A tarde estará dedicada aos xogos populares, con actividades abertas e concurso para nenos e adultos. Ás 20:30 está previsto o espectáculo de circo 'Rogelio, un pallaso en recuperación', a cargo do actor Dani Blanco.
A xornada pecharase a partir das 22:00 horas co concerto de Brassica Rapa, unha fanfarria galega composta por sete músicas que interpretarán temas de pop, jazz e música tradicional.

A feira contará tamén con quince postos de artesanía e produtos locais, entre eles mel, cosmética, pezas téxtiles, xoiería, coiro e vidro.

⚙ Configurar cookies
0.17128992080688