A Feira do viño en Chantada xa ten data de celebración
Despois da reunión que o Concello mantivo cos adegueiros definiuse a data de celebración da Feira do Viño de Chantada, será os días 3, 4 e 5 de xuño. Terá lugar na Praza de Galicia no formato habitual coas cubas-stands. Haberá limitacións segundo sexa a situación da covid nese momento.
Desta forma ábrese o prazo dende agora ata o día 1 de abril para que as e os adegueiros interesados en asistir poidan inscribirse.
Tras dous anos de parón, pola pandemia, Chantada recupera a celebración desta data tan emblemática para a vila. Esta será a 39 edición da feira e os organizadores esperan poder recuperar a súa data habitual no ano 2023, sendo esta a segunda fin de semana de marzo.
Será nos próximos días cando o Concello e organizadores adiantes a través das súas redes sociais o programa da celebración e máis detalles sobre esta feira.
A Feira do viño foi a última gran celebración que tivo a vila antes do confinamento, no 2021 non se puido celebrar debido á situación sanitaria, e este ano faino no mes de xuño.
Esta celebración é a máis concorrida das feiras vinícolas da Ribeira Sacra e pode chegar a congregar entre 3.000 e 4.000 persoas entre veciños, visitantes e turistas. Con este volume de xente era complicado manter as medidas de seguridade no mes de marzo polo que se decidiu atrasar o festexo.