A Feira do Viño de Quiroga regresa cargada de actividades

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A organización vén de presentar a programación completa para esta nova edición que se celebrará do 3 ao 5 de abril
feira-do-viño-de-quiroga-2025
24 Mar 2026

Quiroga celebrará os días 3, 4 e 5 de abril a XLIV edición da súa Feira do Viño, unha cita xa consolidada que combina promoción vitivinícola, cultura e actividades para todos os públicos. O programa inclúe propostas que se estenden máis alá das propias datas centrais, convertendo a vila nun punto de encontro festivo durante varios días.

As actividades comezan xa este sábado, 28 de marzo, co tradicional desfile da Confraría do Viño de Quiroga, acompañado pola música do grupo de gaitas O Recanto. Nos días previos tamén terá lugar o torneo de fútbol sala Feira do Viño, que se disputará no pavillón municipal entre o 30 de marzo e o 2 de abril, ademais da inauguración da exposición de debuxo abstracto “Líneas Exquisitas”, da artista Luz Moscoso.

A apertura oficial da feira será o venres 3 de abril, cun dos momentos máis destacados: a cata dos viños participantes. Haberá dúas sesións, ás 12:30 e ás 19:30 horas, na praza da rúa Lago. Xa pola noite, ás 21:00 horas, abrirá o recinto feiral coa exposición e venda de viños, e a xornada completarase con música en directo a cargo de “Rosies in Hell”, banda tributo feminina a AC/DC, seguida da disco móbil Eme Music.

O sábado estará marcado por dous actos principais. Pola mañá celebrarase o XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, que nesta edición renderá homenaxe a Xan de Vilar. Pola tarde, ás 20:30 horas, terá lugar o pregón, que correrá a cargo dos actores Edu Soto e Iván Massagué. Ambos tamén participarán na elección dos gañadores do concurso de camisetas e na entrega de premios do cartel anunciador e do certame gastronómico “Val de Quiroga de Tapas”.

A música volverá ter un papel protagonista durante toda a xornada do sábado, con animación da charanga CLK pola tarde e coa actuación nocturna do grupo “La banda de ayer”.

Xa o domingo pola mañá, a feira continuará con ambiente festivo e música tradicional, coa participación dos grupos O Recanto e Pándega.

Como non podía ser doutro xeito, o gran protagonista será o viño, tanto branco como tinto, elaborado polas adegas da subzona Quiroga-Bibei, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nesta edición, ademais, contarase coa presenza dunha adega convidada procedente da D.O. Ribera del Duero.

Con esta programación, Quiroga reafirma a súa aposta por unha feira que mestura tradición, promoción do territorio e actividades culturais, converténdose nun dos eventos máis destacados da primavera na comarca.

PROGRAMA COMPLETO DA XLIV FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

0.1342339515686