A Feira do Viño de Quiroga celebrou unha edición multitudinaria

Quiroga celebrou esta fin de semanaa de abril a XLIV Feira do Viño, unha edición multitudinaria e marcada polo bo tempo que combinou promoción vitivinícola, cultura e actividades para todos os públicos. O programa incluíu propostas que se estenderon máis alá das propias datas centrais, convertendo a vila nun punto de encontro festivo durante varios días.
As actividades comezaron xa o sábado 28 de marzo co tradicional desfile da Confraría do Viño de Quiroga, acompañado pola música do grupo de gaitas O Recanto. Nos días previos tamén tivo lugar o torneo de fútbol sala Feira do Viño, que se disputou no pavillón municipal entre o 30 de marzo e o 2 de abril, ademais da inauguración da exposición de debuxo abstracto “Líneas Exquisitas”, da artista Luz Moscoso.
A apertura oficial da feira foi o venres 3 de abril, cun dos momentos máis destacados: a cata dos viños participantes. Houbo dúas sesións, ás 12:30 e ás 19:30 horas, na praza da rúa Lago. Xa pola noite, ás 21:00 horas, abriu o recinto feiral coa exposición e venda de viños, e a xornada completouse con música en directo a cargo de “Rosies in Hell”, banda tributo feminina a AC/DC, seguida da disco móbil Eme Music.
O sábado estivo marcado por dous actos principais. Pola mañá celebrouse o XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Muíño”, que nesta edición rendeu homenaxe a Xan de Vilar e, pola tarde, tivo lugar o pregón, que correu a cargo dos actores Edu Soto e Iván Massagué, que tamén participaron na elección dos gañadores do concurso de camisetas e na entrega de premios do cartel anunciador e do certame gastronómico “Val de Quiroga de Tapas”.
A música volveu ter un papel protagonista durante toda a xornada do sábado, con animación da charanga CLK pola tarde e coa actuación nocturna do grupo “La banda de ayer”.
Xa o domingo pola mañá, a feira puxo fin coa participación dos grupos O Recanto e Pándega e unha nova xornada de catas no recinto.
Como non podía ser doutro xeito, o gran protagonista foi o viño, tanto branco como tinto, elaborado polas adegas da subzona Quiroga-Bibei, pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nesta edición, ademais, contouse coa presenza dunha adega convidada procedente da D.O. Ribera del Duero.
Con esta programación, Quiroga reafirmou a súa aposta por unha feira que mestura tradición, promoción do territorio e actividades culturais, consolidándose como un dos eventos máis destacados da primavera na comarca.