A Feira do Viño de Chantada xa ten cartel oficial para a edición de 2025

No segundo fin de semana de marzo, do 7 ao 9, celebrarase a XLII Feira do Viño de Chantada, que, como é habitual, abre as feiras do viño na D.O. Ribeira Sacra. A cita en Chantada anúnciase, un ano máis, da man do artista multidisciplinar Juan José Lomarti.
O autor leva varios anos elaborando os carteis para anunciar a Feira do Viño de Chantada. En ocasións anteriores, os seus deseños reflectiron o icónico da Feira, utilizando uvas, botellas, copas ou cores para representar a esencia aromática do viño; noutras, a protagonista foi a figura humana, como no cartel deste 2025.
“Quería representar alegría e celebración festiva, ademais dos matices do viño,… a proposta deste ano é máis de festival, de celebración humana”, explica Lomarti.
Durante os tres días de Feira degustaranse os viños das ribeiras de Chantada e contaremos con diferentes actividades arredor do viño, actuacións musicais e a Feira de Oportunidades da Asociación de Empresarios de Chantada. Unha vez presentado o cartel, a organización convocará ás bodegas nun encontro previo á celebración, cuxo programa se dará a coñecer proximamente.
O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, anima a participar na Feira que abre o calendario de feiras do viño, “e que representa un dos nosos produtos máis emblemáticos, o que converte a Feira do Viño de Chantada nunha das citas máis representativas e festivas do concello, como reflicte o cartel de Lomarti.